Florencio Delgado, un Robinson Crusoe poeta e natural de Valdeorras

Foi un loitador vehemente polas liberdades e encantábanlle os libros escritos na nosa lingua
Día das Letras Galegas
Ana Martínez
Florencio Delgado, o homenaxeado este 17M. Foto: CCG

O poeta Florencio Delgado Gurriarán (1903-1987), o marido de Celia que se vía a si mesmo como unha sorte de Robinson Crusoe, naceu nunha aldea das moitas que salpican Galicia, cun nome fabuloso, Córgomo, e nunha singular comarca, a de Valdeorras, bañada polas vides nas que foi feliz.

El mesmo preséntase desta maneira. Polo menos na biografía que a escritora Ledicia Costas, gañadora do Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil en 2015, escribiu para a web Primavera das Letras, proxecto da Real Academia Galega dirixido ao público escolar tanto de infantil como de primaria.

Este ano é o homenaxeado do día da gran festa do galego.

A poética de Delgado non é extensa, pero escribiu durante catro décadas e a súa figura, tan rica, representa a toda unha época, como se encarga de lembrar o presidente da RAG, Víctor Freixanes.

Como el, Xesús Alonso Montero, ensaísta, que indica que simboliza a unha xeración que loitou con vehemencia polas liberdades e que tivo que exiliarse a México.

Florencio era un tolo polos libros, polos libros en galego.

Gustáballe cantar, bailar, afagar, e era unha mente inquieta, e un tipo moi sensible, contan quen o coñecía. Ao galeguismo chegou tarde, ao coñecemento da súa existencia como tal, e por iso, como contou nalgunha ocasión, chegou a sentirse, pola sensación de illamento e soidade, como o soado personaxe literario concibido por Daniel Defoe.

Tiraba de retranca e de sarcasmo a miúdo. Era moi familiar e amante das alegrías varias. Non quería que lle falasen de mortos e si de vivos.

Este raparigo de familia acomodada pasou por moitas mudanzas. Nos seus primeiros anos, Ourense, Valladolid e Palencia, por exemplo. Fíxose avogado, pero nunca chegou a exercer. Foi axente de seguros, vendedor de xamóns e de aceites. E namorouse dunha muller, coa que tivo cinco fillos, que quixo venderlle un calzado fino.

Publicou no Heraldo Gallego e A Nosa Terra. O seu modo de trasladar á letra impresa a paisaxe a través do que recibía del, o hilozoísmo, é unha das súas marcas. Exerceu como ninguén esa tendencia da primeira metade do século XX, caracterizada pola sucesión de imaxes plásticas coa natureza como centro.

O seu primeiro poemario, Bebedeira, que se encadra nese movemento, publicouno en 1934. Inclúe o ácido Home pequeno, fol de veleno, centrado en Franco. O seu título máis representativo é, con todo, Galicia infinda, que editou Galaxia en 1963.

O activismo pola súa lingua de berce sempre acompañou a Florencio. Xa sexa formando parte das Irmandades da Fala, sendo socio protector do Seminario de Estudos Galegos ou no Partido Galeguista.

E a súa querenza pola nomenclatura orixinal ten o seu máximo reflexo en Loubanza á toponimia enxebre.

O exilio conduciuno a México. Escribiu en revistas e prensa con pseudónimoscomo Nadel, Korgomófilo, Porto do Río, R. Miño ou Xan de Sil.

Así era un galego que, como o heroe da novela, bastábase a si mesmo.