Forte aposta pola conciliación familiar coa maior oferta de prazas para os campamentos

Cun total de 10.800 para esta campaña de verán, dúas mil máis que o exercicio pasado, Galicia lidera a prestación deste servizo
Luis Montero
O presidente da Xunta e a conselleira de Política Social, na súa visita ao campamento de verán Marina España en Bergondo.

Co obxectivo de contribuir a facilitar a vida das familias galegas con neno durante os meses nos que non hai colexio, o Goberno galego impulsa a maior campaña de verán da súa historia no que se refire a prazas para os campamentos. Neste sentido, e segundo salientou este luns o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, Galicia é a comunidade que “máis prazas oferta de toda España”, en referencia as 10.800 dispoñibles e das que destacou “que supoñen dúas mil máis que en 2021”.

O titular do Executivo autonómico puxo en valor esta oferta de prazas tras percorrer as instalacións e coñecer de primeira man as actividades do campamento xuvenil Marina España en Bergondo, no que participan ao longo de todo o verán 600 mozos, de entre 9 e 11 anos de idade.

Ademais dos campamentos de verán como o de Bergondo, apuntou os campos de voluntarios que están en marcha e que procuran fomentar o coidado e a conservación de distintas zonas da nosa xeografía; os minicampamentos Coñece Galicia que se levan a cabo en 13 establecementos da comunidade: os programas de intercambio bilateral con outras comunidades, e as estancias en instalacións xuvenís organizadas por diferentes entidades.

Considerou importante esta oferta non só para que a mocidade goce e tire proveito de actividades ao aire libre do verán, senón tamén para que as familias teñan a oportunidade de conciliar a súa vida persoal e laboral nas vacacións escolares.

Erixiu estes campamentos de verán como un recurso de conciliación que “merecen a pena” para centos de familias que teñen que facer axustes durante xullo e agosto e avanzou que este tipo de iniciativas son o “camiño que se debe seguir” neste eido.

Ademais destas iniciativas, Rueda precisou outras postas en marcha a favor da conciliación, e referiuse en concreto á gratuidade da escolas infantís, que a partir do vindeiro curso académico, que beneficiará a 30.000 familias, ou a posta en marcha de 95 Casas Niño no rural galego.

A maiores, a Xunta ten posto en marcha o Bono Coidado, que axuda a máis de un milleiro de familias a contratar un servizo extraordinario de conciliación ante calquera enfermidade ou eventualidade familiar; ou a Tarxeta Benvida, que ofrece unha axuda directa aos pais ao nacer o cativo, de entre 1.200 e 3.000 euros, con 78.000 beneficiarios desde a súa posta en marcha.