Futuro imperfecto

Firmas
Juan L. Blanco Valdés

disque a xuventude é un mal que cura coa idade. Non quixera poñerme estupendo pero é o certo que o paso dos anos vai tendendo un veo de inevitable frustración sobre as arelas dunha existencia que, aos vinte anos, semella non terá nunca fin. É como se, chegado certo punto nesta fodida congostra que é a vida, desexara un que se lle aparecese o mago da lámpada para lle pedir aquilo que, vaia vostede a saber por que, foi quedando polo camiño. Eu, por exemplo, confésolle que sinto case como unha afronta do destino non ter aprendido inglés (algo do que me debera consolar que a ignorancia da lingua de Shakespeare forme parte do patrimonio nacional: mal de moitos...). Ou non saber esquiar. E iso que vive Deus se non intentei, con toda aplicación e esforzo, penetrar os segredos da cuña, ata que, despois dunha porción de pinchacarneiros, tropezóns e desastres nos que a pouco librei de que se me incrustara o esquí no epigastrio, convencinme de que non vin a este mundo para emular a Fernández Ochoa.

Todo segue, ou debera seguir, unha orde natural. Alguén condensou esta idea en admirable sentenza: quen non é comunista aos vinte anos non ten corazón e quen segue séndoo aos corenta non ten sentido común (aserto que confirma con rotundidade boa parte do goberno actual desta pobre pel de touro). De por parte, aínda conservo o carné da Xuventú Comunista de Galicia, brazo adolescente do partido, que o era por antonomasia, é dicir o PCE, Partido Comunista de España. Hoxe, usuario dunha insaciable hipoteca, chalé acaroado, can, varios automóbiles, internet 5G e dous fillos que conxugan o futuro imperfecto (de subxuntivo), lembro os vellos tempos con saudade. En contraste, o presente está enfrontando as ilusións e proxectos da mocidade actual a durísimos dilemas. Se hai dous anos, para un rapaz con sólida formación chegar á condición de mileurista era unha quimera, a proba de estrés á que o bicho covid-19 someteu a voracidade dun capitalismo que criamos intocable vai, non sei se furtar, pero si marcar a lume a xuventude de centos de milleiros de millenials: nin festas, nin viaxes, nin concertos, nin botellóns, nin verbenas coa Panorama. Pero, para alén das manifestacións lúdicas da louca e divina xuventude, os datos aterran: 40% do emprego destruído; 34% de incremento do paro; milleiros de empresa pechadas; sectores estratéxicos a piques do cataclismo...

Cando eu tiña quince anos, deuse matado, tras anos de loita e ardua investigación, un organismo extremadamente nocivo denominado Francisco Franco e se abriron as portas dun futuro cheo de luz. Agardemos que a nova pandemia non dure corenta anos. Tamén é mala pata.