Galicia Nomeada conta xa 160.000 topónimos na súa base de datos

Un proxecto impulsado pola Real Academia Galega en conxunto coa Xunta de Galicia
Lingua Galega
Redacción ECG
Careta de Galicia Nomeada. Foto: ECG

A Coruña. A aplicación Galicia Nomeada incorporou este outono 160.000 microtopónimos recollidos entre os anos 2000 e 2011 de 184 concellos a través do Proxecto Toponimia de Galicia (PTG).

A plataforma impulsada pola Real Academia Galega e a Xunta de Galicia para recuperación dos nomes da terra xa incorporara o 60 % dos algo máis de 400.000 microtopónimos ao seu visor, pero os demais estaban pendentes de dixitalizar, xa que a recolleita de campo foi realizada naquel momento localizando os nomes á man en ortofotos aéreas impresas. A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia completou o proceso, subindo á mesma aplicación os 160.000 nomes restantes de montes, devesas, penedos, praias, fontes ou regatos, dispoñibles agora na Rede para toda a cidadanía.

O traballo de xeorreferenciación desta microtoponimia foi realizado nos últimos anos polo Instituto de Estudos do Territorio (IET), organismo cartográfico da Xunta de Galicia, dependente da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, con cargo ao proxecto europeo Geoarpad “Patrimonio cultural da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal”.

No marco deste proxecto de dixitalización do patrimonio cultural colectivo tamén se crearon a propia aplicación colaborativa Galicia Nomeada e o portal para a difusión da Toponimia de Galicia. Con esta importante contribución, o proxecto toponímico da Real Academia Galega e do Goberno de Galicia xa suma máis de 500.000 topónimos xeorreferenciados para consulta e descarga libre.

Este conxunto, que constitúe un auténtico tesouro do patrimonio cultural inmaterial, é froito da unión das bases de datos do Proxecto Toponimia de Galicia, do Nomenclátor de Galicia e dos milleiros de topónimos que oa cidadanía galega, case o 60 %, foi achegando dende finais de 2019 a través da aplicación Galicia Nomeada.

O Instituto de Estudos do Territorio continúa a xeorrefencia nalgúns dos concellos nos que a recolleita se realizou con distintos métodos e empregando diferentes ferramentas, o que introduce unha dificultade na tarefa. A previsión é que no ano 2022 toda a microtoponimia recollida entre 2000 e 2011 quede, en definitiva, dispoñible en Galicia Nomeada. redacción