Galicia quere consolidarse como plató de cine a través da nova Film Commission

A plataforma do Hub Audiovisual funcionará como escaparate para que os profesionais do sector poidan ofrecer os seus servizos
Luis Montero
O conselleiro Román Rodríguez con Jacobo Sutil e Mamen Quintáns de Ficción Producciones nos decorados da cárcere da serie Operación Marea Negra 2. FOTO: LA DIAPO

A comunidade contará próximamente coa plataforma Galicia Film Commission como ferramenta dixital ao servizo das empresas e profesionais do audiovisual. O obxectivo, “continuar captando rodaxes que xeren riqueza e emprego e que promocionen a industria cultural galega”, segundo explicou o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez.

Esta nova medida do Hub Audiovisual da Industria Cultural pretende consolidar a nosa comunidade como plató de cinema e televisión e, como sinalou o conselleiro, avanza na decidida aposta por parte do Goberno autonómico nos últimos anos a prol da recuperación e impulso deste sector en concreto.

O titular de Cultura fixo este anuncio durante a súa visita ao set de rodaxe da segunda temporada de Operación Marea Negra na Fábrica de Armas da Coruña.

Unha segunda entrega desta serie de Ficción Producciones para Prime Video que conta cunha subvención de 350.000 euros a través da segunda quenda do fondo para a atracción de rodaxes, outra das iniciativas do Hub Audiovisual encamiñadas a converter Galicia nun escenario habitual de producións cinematográficas e televisivas.

A Galicia Film Commission, cuxo desenvolvemento e mantemento se atopa en fase de licitación por un importe de case 400.000 euros, porá en valor toda a cadea da industria audiovisual galega con novas ferramentas e utilidades para que os profesionais deste ámbito poidan ofrecer os seus servizos e atopar os recursos que precisan.

Ao tempo, facilitarase o intercambio e o traballo conxunto entre o sector público e o privado, e lograrase unha maior proxección exterior da imaxe de Galicia e do noso audiovisual.

Sete millóns de euros en axudas. Román Rodríguez, que na súa visita estivo acompañado polo director de Industrias Culturais, Jacobo Sutil, incidiu no reforzo do investimento por parte da Xunta no audiovisual galego, destinatario no que vai de ano de sete convocatorias de axudas dotadas con máis de 7,2 millóns de euros, dos que xa están adxudicados máis de 4,7 millóns de euros a 85 proxectos, tanto a través do programa anual de subvencións do departamento de Industrias Culturais como dos fondos europeos do Hub Audiovisual e do programa Next Generation EU Mecanismo Europeo de Recuperación e Resiliencia.

Crecemento. A través desta inxección económica estase a apoiar non só a reactivación do sector, senón tamén a súa consolidación e crecemento a medio e longo prazo, acompañando as empresas galegas en todas as etapas que configuran o proceso audiovisual: desde a promoción do talento na creación e as fases de preprodución, rodaxe e posprodución ata a súa difusión, comercialización e exhibición.

Dáse así resposta a un sector que, en palabras do conselleiro, “ten cada día maior potencia e un cariz máis internacional”, ademais de estar fortemente profesionalizado.

Sinalou, así mesmo, que o “altísimo nivel” das produtoras galegas está a xerar tamén riqueza para o país, como reflicten, por exemplo, os resultados da primeira quenda de axudas para o fomento e a promoción de rodaxes audiovisuais, que levan aparellado un compromiso de gasto mínimo en Galicia por parte das beneficiarias (Rapa e Argonautas, de Portocabo; Hasta el cielo, de Vaca Films, e 13 Exorcismos, de Bambú Producciones), cun retorno superior aos 15 millóns de euros nas áreas nas que se levaron a cabo as gravacións e arredor de 250 postos de traballo en cómputos anuais

Pola súa banda, a segunda temporada de Operación Marea Negra é o primeiro título do audiovisual subvencionado a raíz da segunda convocatoria deste fondo para a captación de rodaxes, cunha achega de 350.000 euros e unha previsión de gasto na comunidade duns cinco millóns de euros, ao que acaba de sumarse tamén a película Amigos hasta la muerte, con 279.000 euros.