Homenaxe a Celso Emilio Ferreiro no Parlamento de Galicia

Presentouse un libro centrado na proxección do escritor durante as catro décadas transcorridas desde o seu falecemento
Letras Galegas
El Correo Gallego
Pola esquerda, Ramón Nicolás Rodríguez, Víctor Fernández Freixanes, Miguel Santalices, Luis Ferreiro e Valentín García. Foto: P.G.

O Parlamento de Galicia acolleu este mediodía a presentación do libro Chorimas para Celso Emilio Ferreiro. Un memorial: 1979-2019. O acto celebrouse no Salón dos Reis e contou tamén coa participación do autor da obra, Ramón Nicolás Rodríguez; o presidente da Real Academia Galega, Víctor Fernández Freixanes; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez; e o fillo de Celso Emilio Ferreiro, Luis Ferreiro Loredo. Trátase dun volume coeditado polo Parlamento e a Xunta de Galicia, que é obra de Ramón Nicolás e afonda na figura de Celso Emilio, centrándose nas catro décadas transcorridas desde o seu falecemento. Un volume, en opinión de Santalices, “tan atípico como necesario e interesante” para ampliar o coñecemento da figura do escritor celanové”, e que “nos aproxima ao ronsel póstumo de Celso Emilio Ferreiro”.

Para o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, Celso Emilio Ferreiro foi “un dos grandes persoeiros das letras galegas de todos os tempos, á vez que se converteu nun alicerce indiscutible da conciencia cívica da Galicia contemporánea”.

Recordou Santalices que “a inmensidade da figura de Celso Emilio Ferreiro ecoa sen cesar desde 1979, a través de homenaxes e publicacións de diferente natureza que teñen cabemento neste documentado e, ao mesmo tempo, ameno estudo que o Parlamento e a Consellería de Cultura da Xunta patrocinamos ao unísono, conscientes de que deste modo contribuímos a cubrir un baleiro que a iniciativa privada dificilmente podería asumir”.

Agregou que esta é precisamente a liña definitoria da política editorial do Parlamento, que “pon os seus modestos recursos ao servizo da divulgación da cultura e da historia de Galicia, ao tratar de apoiar proxectos de indubidable interese para a cidadanía, á que se lle ofrecen tanto en soporte papel como, de balde, en formato electrónico, a través da web da institución”.

A presentación da obra estaba prevista desde hai tempo, pero a situación epidemiolóxica obrigou a aprazar esta data.

O salón estaba ambientado con chorimas -a flor do toxo, a preferida de Celso Emilio-, como as que a súa viúva. Moraima, depositou na sepultura do escritor.