Homenaxe do CCG a Carvalho Calero no décimo Concerto das Letras Galegas

Xunta e Renfe Viajeros lembran a súa figura nos trens de alta velocidade e nas estacións galegas
Día das Letras Galegas
Mario Álvarez

A décima edición do Concerto das Letras Galegas foi bastante diferente do que inicialmente estaba previsto. Un Auditorio de Galicia completamente baleiro foi o escenario desta proposta literaria e musical convocada polo Consello da Cultura Galega como anticipo festivo da celebración do Día das Letras.

A pandemia trasladouna do 16 de maio ao 30 de setembro e a segunda vaga da crise sanitaria obrigou a pechar o escenario ao público.

Con todo, o Taller Atlántico Contemporáneo, dirixido por Diego García Rodríguez, interpretou o concerto, que foi retransmitido en directo a través do web do CCG.

Unha actuación que supuxo a estrea absoluta da composición que Nani García fixo do poema Danza de Ricardo Carvalho Calero. A voz de Esperanza Mara e a coreografía de Janet Novás arrouparon esta cita.

Era unha data especial. Este 30 de outubro o homenaxeado nesta atípica celebración do Día das Letras Galegas cumpriría 110 anos. A súa localidade natal debía acoller un concerto que servise de preludio da sesión plenaria da Real Academia Galega.

Dolores Vilavedra, a secretaria do CCG explicou ao inicio do concerto que “a decisión de traer a Santiago, cidade en que Carvalho traballou, viviu e morreu, pretende ser responsable e solidaria e que, ao tempo, amosa a firme vontade da institución por manter viva a cultura, aínda que nesta ocasión teña que ser a través das pantallas”.

Durante a súa intervención, fixo un chamamento a “refuxiarnos no esencial, no profundo, no verdadeiramente importante para sobrevivir na beleza ante a incomprensible dureza destas tempos avoltos que nos tocou vivir”.

Por outra parte, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, presentou onte na Coruña a campaña posta en marcha pola Xunta e Renfe Viajeros para homenaxear a Ricardo Carvalho Calero no marco da Semana das Letras Galegas que este ano, de xeito excepcional, se está a celebrar en outubro.

A través desta iniciativa os repousacabezas de trece trens de alta velocidade do corredor atlántico A Coruña-Santiago-Vigo e do corredor Avant A Coruña-Santiago-Ourense lucirán a imaxe da campaña institucional un mes.

Ademais, o autor ferrolán terá presenza nas estacións de tren de sete localidades galegas (A Coruña, Santiago, Vigo, Ourense, Lugo, Ferrol e Monforte de Lemos) a través da exhibición das mostras gañadoras do Concurso-Exposición Letras Galegas 2020 da Consellería de Cultura, Educación e Universidade Recordando Carvalho Calero, do CEIP Xesús San Luís Romero de Carballo, e Unha vida polo galego, do IES Ferrol Vello de Ferrol.

Valentín García destacou que a colaboración con Renfe Viajeros no marco da programación institucional das Letras Galegas renóvase por terceira vez, nun acto no que participaron Enrique Fonte e Alberto Martínez, xerente do Servizo Público de Renfe e xefe da Área Comercial da Xerencia de Servizo Público Galicia, respectivamente.