Homenaxe do Hórreo a Celso Emilio Ferreiro cunha cuidada biografía

O Salón dos Reis do Parlamento galego estivo engalanado con chorimas, a flor do toxo
Literatura galega
El Correo Gallego
Algúns dos participantes do acto con Miguel Ángel Santalices, Luis Ferreiro e Valentín García no centro. Foto: Parlamento

Santiago. O Parlamento de Galicia acolleu onte a presentación do libro Chorimas para Celso Emilio Ferreiro. Un memorial: 1979-2019, un volume, en opinión de Santalices, “tan atípico como necesario e interesante” para ampliar o coñecemento da figura do escritor celanovés.

A obra, coeditada polo Parlamento e pola Xunta de Galicia, ten a autoría de Ramón Nicolás e afonda na figura de Celso Emilio, centrándose nas catro décadas transcorridas desde o seu falecemento; un traballo, en palabras do presidente do Lexislativo galego, “que nos aproxima ao ronsel póstumo de Celso Emilio Ferreiro”.

Para o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, Celso Emilio Ferreiro foi “un dos grandes persoeiros das letras galegas de todos os tempos, á vez que se converteu nun alicerce indiscutible da conciencia cívica da Galicia contemporánea”.

Recordou Santalices que “a inmensidade da figura de Celso Emilio Ferreiro ecoa sen cesar desde 1979, a través de homenaxes e publicacións de diferente natureza que teñen cabemento neste documentado e, ao mesmo tempo, ameno estudo que o Parlamento e a Consellería de Cultura da Xunta patrocinamos ao unísono, conscientes de que deste modo contribuímos a cubrir un baleiro que a iniciativa privada dificilmente podería asumir”.

Agregou que esta é precisamente a liña definitoria da política editorial do Parlamento, que “pon os seus modestos recursos ao servizo da divulgación da cultura e da historia de Galicia, ao tratar de apoiar proxectos de indubidable interese para a cidadanía, á que se lle ofrecen tanto en soporte papel como, de balde, en formato electrónico, a través da web da institución”.

A presentación da obra estaba prevista desde hai tempo, pero a situación epidemiolóxica obrigou a aprazar esta data.

Mollo de chorimas. O acto celebrouse no Salón dos Reis do Parlamento de Galicia, que estivo adornado con chorimas -a flor de toxo, a preferida de Celso Emilio- e contou tamén coa participación do autor, Ramón Nicolás Rodríguez; Víctor Fernández Freixanes, Valentín García Gómez e o fillo de Celso Emilio Ferreiro, Luis Ferreiro Loredo. redacción