Importante retorno grazas á filmación de ‘Argonautas’

RTVE e Portocabo preparan en coprodución esta nova serie infantil, que conta co apoio do Hub Audiovisual autonómico
Ficción
Luis Montero
Participantes na presentación da nova serie infantil para Clan TV, ‘Argonautas’. Foto: G.

A Coruña acolleu este venres a presentación da serie infantil en imaxe real Argonautas, coprodución da empresa galega Portocabo e Clan TVE que se filmará proximamente en Galicia con financiación do fondo de rodaxes do Hub Audiovisual da Xunta.

Trátase dun dos catro primeiros proxectos subvencionados a través deste programa, que a semana pasada abriu unha segunda convocatoria dotada con dous millóns de euros e que, en palabras do conselleiro de Cultura, Educación e Universidade en funcións, Román Rodríguez“reforza a imaxe da nosa comunidade como plató de cinema e de televisión”, ademais de ter unha importante repercusión en termos económicos e de emprego para Galicia.

Rodríguez, que participou na presentación deste proxecto, referiuse tamén ás estimacións sobre o impacto destas rodaxes: ademais de Argonautas, as das series Rapa, tamén de Portocabo, e Hasta el cielo, de Vaca Films, e a da longametraxe 13 Exorcismos, de Bambú Producciones.

Segundo os primeiros datos arroxados por un estudo encargado á Universidade de Santiago de Compostela, o retorno económico directo e indirecto das catro filmacións superará os quince millóns de euros, cifra que vén confirmar o efecto multiplicador do investimento público na industria audiovisual galega, que neste caso sumou 1,3 millóns de euros en adxudicacións. En canto á capacidade de emprego, agárdanse 230 contratacións en termos equivalentes anuais.

No caso concreto de Argonautas, o responsable de Cultura do Goberno galego explicou que se calcula un impacto económico de 2,6 millóns de euros e a creación duns 40 postos de traballo a partir da subvención de 350.000 euros por medio do devandito fondo de rodaxes.

Laxe e a cidade da Coruña son as localizacións escollidas para o novo traballo da produtora Portocabo, á que Román Rodríguez lle agradeceu publicamente a súa aposta por rodar en Galicia desde unha perspectiva nacional e internacional coa que está “conquistando as principais plataformas de distribución e facéndoo, ademais, cun claro selo galego”, indicou.

Acompañaron o conselleiro na presentación o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil; o CEO de Portocabo e produtor executivo de Argonautas, Alfonso Blanco, e o director de contidos infantís de RTVE e Clan TVE, Yago Fandiño, ademais dos representantes dos concellos nos que se levará a cabo esta rodaxe.

Tras a repercusión de series como The Avatars e Miracle Tunes, Portocabo alíase con Clan TVE para volver ao xénero coñecido internacionalmente como kids live action.

A historia xira arredor dun grupo de cinco amigos que vive un verán diferente e cheo de perigosas aventuras ao longo dos 20 episodios da serie, de 22 minutos cada un.

Os realizadores galegos Toño López e Lucía Estévez dirixirán esta proposta, para a que contan con José Rubio, Sara Gómez e Alexis Barroso a cargo dun guión que trae ao século XXI o espírito de clásicos da literatura e o cinema infantís e xuvenís, como El club de los cinco ou Los Goonies.

A posta en marcha do fondo de rodaxes supuxo o arranque en 2021 do Hub Audiovisual da Industria Cultural, un programa de apoio sen precedentes para acelerar a recuperación e garantir a estabilidade dos profesionais do sector en Galicia, que se traducirá nun investimento de 9,6 millóns ata 2023 a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) dentro do Eixo REACT-UE do Programa Operativo Feder Galicia 2014-2020.

E traballase no deseño da plataforma Galicia Film Office e noutras medidas para a industria cultural.