Impulsadas o ano pasado máis de mil actividades de dinamización lingüística

Valentín García presenta ante o Parlamento de Galicia o balance de actuacións do seu departamento durante o último exercicio
Lingua Galega
Luis Montero
O secretario xeral de Política Lingüística, na súa intervención no Parlamento galego. Foto: G.

O exercicio pasado, a Secretaría Xeral de Política Lingüística continuou avanzando nas principais liñas de traballo dos últimos anos, centrando os seus esforzos máis importantes en promover a idea de que a lingua galega é útil en calquera ámbito da vida e para todas as funcións, facéndoa atractiva especialmente para a cativada e a mocidade.

Unha tarefa sobre a que o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, deu conta este venres durante a súa comparecencia no Parlamento galego para expoñer as accións levadas a cabo pola Xunta de Galicia en materia lingüística en 2021 e presentar as propostas nas que o seu departamento traballa neste momento.

Neste senso, a Rede de Dinamización Lingüística foi, como desde hai máis dunha década, un dos piares principais para a promoción do uso da lingua galega, especialmente entre o público miúdo.

“No pasado 2021, a pesares da pandemia, esta rede de concellos, entidades e agrupacións galegas estendeu a súa programación por 225 destinos diferentes, de maneira que o 100 % dos seus membros -228 na actualidade- gozou dalgunha das nosas propostas lúdicas”, afirmou Valentín García ao respecto.

O FalaRedes e o Nadal en Rede son os dous grandes programas de dinamización lingüística desta rede, que ocuparon o tempo de ocio das familias con teatro de monicreques, teatro para adolescentes e adultos, teatro para nenos, espectáculos para bebés, monólogos humorísticos, espectáculos musicais para toda a familia, maxia, circo e obradoiros de xogos, entre outras actividades.

“Os dous sumaron 262 accións que, unidas ás realizadas por fóra da rede, produciron máis de mil actuacións destinadas ao tempo de lecer en galego”, destacou.

Mentres que o Nadal en Rede contou cun investimento directo de 166.756 €, o FalaRedes desenvolveuse con actividades do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 21-22, “outro dos grandes traballos dos dous últimos anos co obxectivo de preservar a actividade nun contexto sanitario excepcional”, indicou.

Na súa primeira convocatoria, en 2020, inxectou 2,5 millóns de euros para reactivar o sector cultural no seu momento máis complicado.

O pasado 2021, este repositorio de contidos culturais en galego repartiu tres millóns entre proxectos dixitais (190 produtos e 733 contidos), materiais (66 obras e 36.781 exemplares) e presenciais (572 sesións ou actuacións).

Intelixencia artificial. Outro dos puntos a destacar foi a posta en marcha o 2021 do Proxecto Nós, “cun convenio de 60.000 € que será ampliado en 2022, no que será o maior investimento directo en investigación tecnolóxica feito en toda a historia da promoción do galego”.

Este proxecto, en colaboración coa USC e coa Amtega, está enmarcado na Estratexia Galega de Intelixencia Artificial e aspira acadar un investimento de 15,5 M € de fondos europeos para garantir que a lingua galega participe da revolución tecnolóxica dos nosos días. Para iso, a iniciativa permitirá xerar e compilar unha ampla variedade de recursos lingüísticos dixitais de calidade en galego baseados en intelixencia artificial e en tecnoloxías da linguaxe, que serán gratuítos e en código aberto de forma que queden a disposición da cidadanía e do sector empresarial.