Inclúe 16 galegos unha guía da excelencia da artesanía europea

A ‘Homo Faber’ recomenda profesionais especializados en coiro, cerámica, madeira, iluminación, téxtil ou na elaboración de zocos
Artesanía
Luis Montero
Santiago Besteiro, no seu obradoiro de coiro en Monterroso, é un dos mencionados na guía.

Un total de dezaseis obradoiros da marca Artesanía de Galicia forman parte xa das recomendacións da guía Homo Faber, unha plataforma online que selecciona a excelencia da artesanía de todo o continente europeo.

Nesta guía pódense descubrir os mellores artesáns de cada país de Europa, así como artistas, tendas, museos, galerías, talentos emerxentes e experiencias vinculadas á artesanía de alta calidade.

A Homo Faber é unha plataforma que propón descubrir Europa a través da visita aos espazos de traballo dos artesáns, galerías, museos e experiencias vinculadas á artesanía de alta calidade.

Os artesáns que aparecen nesta guía están recomendados pola Fundación Michelangelo para a Creatividade e a Artesanía e por membros da súa rede internacional ou embaixadores designados, persoas ou institucións de referencia vinculadas aos ámbitos da artesanía, da creatividade e do deseño, como é o caso do interiorista Tomás Alía ou de Fundesarte, en España, entre outros.

Ata o momento, os obradoiros de Artesanía de Galicia que forman parte desta guía online de recomendacións de artesanía europea son a cesteira Idoia Cuesta (Outeiro de Rei), recoñecida entre outros galardóns co Premio Artesanía de Galicia 2021, co de Artesanía Contemporánea 2021 da Asociación SacCo e co Premio Produto nos Premios Nacionais de Artesanía 2014.

Canda ela, están incluidos tamén o ebanista Frank Buschmann (Corcubión), Premio Artesanía de Galicia 2019 e Antón Fraguas da Deputación da Coruña, na categoría de artesanía tradicional; a zoqueira Elena Ferro (Vila de Cruces), do obradoiro Eferro, Premio Nacional de Artesanía 2019 e Premio de Artesanía Antón Fraguas 2010, na categoría de Artesanía contemporánea; a ceramista Ana Tenorio, do obradoiro Witchneeds (Vigo), Premio Artesanía de Galicia 2018, e o Obradoiro de Gaitas Seivane (Cambre), galardoado co Premio Traxectoria 2021 nos Premios Artesanía de Galicia, co Nacional de Artesanía 2013 e recoñecido coa Medalla Castelao 2014.

Tamén forman parte desta plataforma a ceramista Paula Ojea de Ojea Studio (Vigo), Premio Produto nos Nacionais de Artesanía 2019 e galardoada coa Bolsa Eloy Gesto nos Premios Artesanía de Galicia 2017; a artesá Mercedes Vicente (Brión), especializada en esculturas téxtiles, finalista do Loewe Craft Prize 2018; a ceramista Loaira Pérez, do obradoiro Raposiñas (A Pobra do Caramiñal), Premio Bolsa Eloy Gesto 2020 nos Premios Artesanía de Galicia, e o obradoiro de coiro Santiago Besteiro (Monterroso), finalista dos Premios Artesanía de Galicia nas edicións de 2020 e 2021.

Así mesmo, están recoñecidos na Homo Faber a tecedeira Inés Rodríguez, do obradoiro Rir&Co Deseño Textil (Allariz), gañadora do I Certame de Materiais Innovadores de Galicia, na categoría Artesanal, e do II Premio de Excelencia á Innovación para Mulleres Rurais do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación; o obradoiro especializado en iluminación Lago: Monroy (Nigrán); o de tecido en baixo lizo Belategui Regueiro (Cambre); o ceramista Nano Unzueta, do taller Cerámica Unzueta (Brión), o obradoiro Lorenzo Design (Santiago), de obxectos de madeira enfocado á gastronomía; a ceramista Laura Delgado (Cambre), e Sonia Degerónimo, do taller Degerónimo (Compostela), que está especializado na creación de obxectos con corda de algodón.