Incorpóranse setecentas publicacións á Biblioteca Dixital de Galicia, Galiciana

De orixinais que se conservan na Cidade da Cultura e na Miguel González Garcés, están dispoñibles para a súa consulta de balde
Patrimonio bibliográfico
Luis Montero
Dous nenos xunto ao Botafumeiro, nunha das imaxes incorporadas a Galiciana. Foto: Gallego

Acaban de incorporarse á Biblioteca Dixital de Galicia, Galiciana, preto de 700 novas publicacións, monografías, folletos, mapas, carteis e postais dixitalizados que están xa dispoñibles para a súa consulta de balde. Inclúense desde obras de Emilia Pardo Bazán ata pezas singulares como unha colección de billetes impresos durante a Guerra Civil en diferentes localidades.

As obras dixitalizadas nesta ocasión pola Xunta proceden de orixinais conservados na Biblioteca de Galicia na Cidade da Cultura e na Biblioteca Pública da Coruña Miguel González Garcés.

Ao abeiro deste traballo, por unha banda incrementouse o rango cronolóxico dalgunhas publicacións periódicas xa presentes en Galiciana. Ademais, dixitalizáronse 33 títulos do Fondo Bibliográfico Abanca, incrementándose ata 210 as obras accesibles no micrositio dedicado a esta importante colección dispoñible en Galiciana.

Neste sentido, destaca o único exemplar coñecido da obra Estimvlo para bien obrar‎‎: el qval es vtil y prouechoso para todo buen christiano, compuesto por el Licenciado Francisco de Lara. Procede do Colexio Imperial, centro de ensino da Compañía de Xesús, establecido en Madrid a finais do século XVI.

Este colexio formou a biblioteca máis importante que houbo en Madrid ata o século XVIII, con materiais de estudo, obras de consulta, de investigación, manuscritos das obras que redactaban os xesuítas, donativos e legados de diversos benefactores.

Xa dentro da colección de patrimonio bibliográfico da Biblioteca de Galicia, véñense de dixitalizar 94 títulos de monografías e folletos, os 15 novos títulos dixitalizados de obras de Pardo Bazán, entre eles a edición de 1916 de La última fada, ou as novelas cortas La gota de sangre e Finaprol, publicadas na colección Los Contemporáneos, que saíu a rúa en Madrid na primeira década do século XX.

Todo o fondo bibliográfico dixitalizado ata o momento relacionado con Emilia Pardo Bazán pódese consultar nun micrositio propio dentro da biblioteca dixital, e suman un total de 90 títulos e máis de 23.000 imaxes.

Para conmemorar o centenario do pasamento desta figura fundamental das letras españolas, no 2021 se transformaron a formato ePub para a súa lectura en dispositivos electrónicos doce das súas obras máis destacadas, como El príncipe amado (1884), La Tribuna (1882), De mi tierra (1888) ou La Quimera (1905).

Galiciana. Patrimonio Dixital de Galicia é o proxecto impulsado pola Xunta de Galicia que recompila desde prensa histórica dixitalizada ata recursos das diferentes bibliotecas e arquivos de Galicia.

Inclúe unha parte para os arquivos e outra para as bibliotecas. Nesta, dá acceso xa a 8.667 títulos do patrimonio bibliográfico galego que suman 2.600.000 imaxes.

Dentro delas, a colección de prensa histórica galega dixitalizada alcanza xa as 600 cabeceiras, con algo máis de 1.700.000 páxinas transformadas a formato dixital.

Os títulos de monografías e os folletos son xa máis de 5.200 e outras seccións como a de materiais gráficos están a ser incrementadas, como as 1.019 postais de fondo antigo dixitalizadas ou os 140 carteis que se poden consultar de balde desde a web Galiciana.