Incrementa o CCG seu orzamento para 2021

Perfila un cambio nas actividades, que se adecuarán a dez liñas de actuación concretas
CCG
El Correo Gallego
Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega

Santiago. A presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Rosario Álvarez, compareceu onte na Comisión terceira de Economía, Facenda e Orzamentos, do Parlamento de Galicia, no marco das sesións informativas en relación co Proxecto de lei de orzamentos.

O orzamento da institución para o próximo ano é de 2.782.982 euros, 25.919 euros máis que en 2020. Álvarez explicou as liñas xerais de actuación desenvolvidas e avanzou a programación de 2021, que supón un cambio no deseño do programa de actividades da institución.

A vixencia da cultura galega medieval, os dereitos culturais e lingüísticos, a igualdade e a inclusión, a proxección exterior da cultura galega xunto co fomento da cultura científica, a creación e o pensamento contemporáneos así como a defensa do patrimonio material e inmaterial son liñas que abordará a institución ao longo do próximo ano.

Con ese orzamento, a presidenta perfilou un cambio na concepción da programación de actividades da institución, que se adecuará a dez liñas estratéxicas. Catro delas correspóndense con temáticas que definen a actividade do ano en curso, mentres que as seis restantes se corresponden con eixes de traballo consolidado da institución. ECG