Javier Veiga rodará ‘Amigos hasta la muerte’ en Ourense

Na súa primeira cinta como director, o galego contará co apoio da Deputación ourensá, que segue a apostar polo sector audiovisual
Cinema
Luis Montero
Manuel Baltar, Javier Veiga e o produtor Xosé Zapata, no encontro na Deputación ourensá.

O actor galego Javier Veiga rodará en Ourense e en varios tramos da Vía da Prata a que será a súa primeira película como director, Amigos hasta la muerte, fimle para o que contará co apoio da Deputación de Ourense.

Protagonizada polo propio Javier Veiga, xunto a Marta Hazas e Mauricio Ochmann, o presidente da Deputación ourensá, Manuel Baltar, amosou nun encontro con Javier Veiga a súa satisfacción pola confirmación desta nova rodaxe patrocinada polo departamento que dirixe.

“Esta é outra mostra do éxito da aposta deste goberno polo sector audiovisual. O cinema de alta velocidade xa é un motor de desenrolo socioeconómico para a provincia de Ourense e as perspectivas de futuro son magníficas, con ferramentas como o AVE e a Ourense Film Commission”, subliñou Baltar.

No encontro de traballo, xunto a Manuel Baltar e Javier Veiga estiveron o asesor de Cultura da Deputación, Aurelio Gómez Villar e o produtor Xosé Zapata, recente gañador do Goya por The monkey, e que está implicado na volta ao cinema de Jaime Chávarri con La manzana de oro, unha película que se rodará nas próximas semanas na provincia co patrocinio do goberno provincial.

Javier Veiga, Marta Hazas e Mauricio Ochmann son neste filme Suso, María e Nacho, tres amigos que rozan os corenta, cunha longa amizade ás costas e con historias románticas cruzadas. Unha traxedia persoal suporá voltar a vista atrás e analizar temas pendentes e segredos.

Esta comedia romántica analiza os límites da amizade dentro dun triángulo amoroso: os protagonistas terán que responder a cal sería a túa resposta se a túa parella se fora co teu mellor amigo, se é mellor mentir a quen máis queres para evitar que sufra ou se poderías perdoar calquera cousa por amor.

O filme, producido por Medio Limón, Sygnatia, Onírica Films e Ainé, está baseado na obra de teatro homónima.

Escrita, dirixida e protagonizada por Javier Veiga, foi estreada en 2009 e en 2012, con dous repartos diferentes, sumando en total máis de 400 representacións.

En 2015 estreouse a versión en galego, Amigos ata a morte, protagonizada por Xosé Antonio Touriñán, Ledicia Sola e David Amor.