Kiko da Silva aborda a banda deseñada e o xornalismo en Viñetas desde o Atlántico

O autor estará este sábado 13 de agosto presentando o seu libro de ‘A Silveira’ //Falará do proceso creativo nunha viñeta diaria
Andrea Barreiro
‘Pinturas de Guerra’, novela gráfica de Ángel de la Calle. Foto: ECG

Nesta 25 edición de Viñetas desde o Atlántico, A Coruña está a acoller a un total de 21 debuxantes convidados para expoñer as súas obras na cidade, achegando o mellor talento da banda deseñada á cidadanía. Entre os nomes dos convidados e convidadas atópanse referentes do manga español como Fidel de Tovar e Dani Bermúdez e novelistas gráficas como as galegas Alicia Jaraba ou Emma Ríos. Unha mestura de artistas noveis e talentos consolidados nunha aposta polo pasado, o presente e o futuro da arte do cómic.

Desta forma, entre os numerosos artistas de banda deseñada que participan nesta 25 edición do festival estará o colaborador de EL CORREO GALLEGO, Kiko da Silva e tamén director do Garaxe Hermético.

O autor estará este sábado 13 de agosto presentando o seu libro de A Silveira en Viñetas desde o Atlántico na Coruña.

Será as 18.45 h na carpa de presentacións da Rúa da Banda Deseñada na alameda ao lado do Kiosko Alfonso, sede oficial de Viñetas.

Segundo explicou Kiko da Silva, na charla abordará o proceso creativo da realización dunha viñeta diaria. Da técnica de debuxo tradicional que utiliza, “pouco utilizada en debuxos humorísticos para prensa”, explicou. Tamén falará sobre as súas propias influenzas como artista, así como o método de creación de guións e gags humorísticos. Ademais, tendo en conta a longa traxectoria profesional como debuxante editorial, contará anécdotas da súa bagaxe e abordará a situación da profesión de ilustradores e debuxantes e do xornalismo no noso país. Tras o faladoiro, asinará exemplares con debuxos orixinais.

Tamén haberá unha sesión de sinaturas na súa caseta n°8 de Retranca Editora/o Garaxe Hermético das obras Tam 2 de Anémona de Río (Premio O Garaxe Hermético de banda deseñada) e da novela gráfica Pinturas de Guerra de Ángel de la Calle (Premio á mellor obra no Salón do Cómic de Barcelona 2018 e Premio da crítica e Finalista ao prestixioso premio do Featival Internacional.de Banda Deseñada de Angouleme 2019.)