Leticia Rey obtén o Sonidos Mans Salas

O xurado do concurso de bandas emerxentes destaca da cantautora a súa calidade vocal, a honestidade dos seus temas e a posta en escena
Premio de Música
Luis Montero
A cantautora Leticia Rey, durante a actuación no concurso.

Leticia Rey alzouse co primeiro premio no concurso de bandas galegas emerxentes Sonidos Mans Salas, organizado pola Fundación Paideia Galiza, a través de Estudios Mans, e coa colaboración da Deputación da Coruña.

A cantautora de Vila de Cruces sorprendeu ao xurado coa súa calidade vocal e a honestidade das súas composicións e a súa posta en escena.

Leticia Rey faise así co primeiro premio que a leva a gravar un EP e un videoclip en Estudios Mans e a presentar o seu traballo en directo o sábado, 12 de decembro, no Salón Teatro de Santiago.

A banda coruñesa Lora, segunda clasificada, gravará tamén un tema e o seu videoclip en Estudios Mans.

Tras anos de traballo e formación, a voz de Leticia Rey enche de luz os seus temas, cancións en inglés, galego e castelán, cheas de significado.

De coidada construción, as cancións desta artista emerxente están cargadas dun misticismo e espiritualidade que envolven a quen as escoita.

Neste ano 2020, Leticia Rey gravou e publicou o seu primeiro single, titulado Through the wind, que pode ser escoitado nas principais plataformas dixitais.

Proximamente abrirase o proceso de inscrición para poder asistir de forma gratuíta á súa presentación en directo no Salón Teatro, o vindeiro 12 de decembro.

O xurado estivo formado por tres programadoras dalgunhas das salas máis recoñecidas: Noe Vázquez (A Arca da Noe), Suso Santamaría (A Pousada da Galiza Imaxinaria) e Miguel de la Cierva (Náutico de San Vicente).

Nesta edición, Sonidos Mans Salas contou coa inscrición de 55 participantes chegados de todo o territorio galego, sendo Demo Rumudo, Lucas Blanco, Leticia Rey, Ambigüo e Lora, as bandas e solistas escollidas para participar na audición final.

Esta edición do Sonidos Mans Salas segue cun traballo a prol do desenvolvemento de novos proxectos musicais sostíbeis, e súmase ás accións que a Fundación Paideia Galiza desenvolve, baixo o seu eixe de emprendemento, para fomentar a actividade artística poñendo ao servizo dos emprendedores as ferramentas necesarias para visibilizar e profesionalizar os seus diferentes proxectos.