Ludipatía no Premio Edebé de literatura infantil

Libro
Blanca Roig Rechou

Xa temos nas librerías a tradución ao galego, por medio da man avezada de Rosario Baleirón, da obra galardoada co Premio Edebé de Literatura infantil. Foi mágoa que as obras galegas que se presentaron non tivesen a consideración do xurado. Outra vez será! Pero si podemos congratularnos con Juan Ramón Santos (Plasencia, 1975) por ter merecido o premio con O Club dos Catro Emes (Edebé-Rodeira, col. Tucán 10+).

Esta narración lévanos, a través de veinte breves capítulos e un epílogo, a seguir con entusiasmo as investigacións realizadas por un Club constituído por un rapaz e tres rapazas para descubrir as desventuras de Mesié Lasorrí, un ludópata a quen axudan. Conseguen que abandone a súa debilidade, aínda que non para sempre, e comprenden as consecuencias que trae na contorna familiar, que poden enganar, como lles pasou a eles. Axudan a seguir o relato as sensibles ilustracións de Paula Blumen.

blanca.roig@usc.es