Máis de noventa proxeccións na 25 edición do OUFF, marcada pola covid

O festival abrirá e pechará coa estrea de dúas películas rodadas e producidas na provincia
de Ourense: ‘Olvido y León’ e ‘Luarada’
Cine
Flora Touzón

Ourense volverá a ser a capital do cinema entre o 25 de setembro e o 3 de outubro. O Festival Internacional de Cine de Ourense (OUFF) regresa de novo á cidade como referente do audiovisual galego, así o demostran as máis de 90 proxeccións previstas que se completan con actividades e homenaxes as figuras centrais do cine galego e español: José Luis Cuerda, Eloy Lozano, Chano Piñeiro... nomes estreitamente vencellados á historia do festival.

A presentación da programación da 25ª edición do OUFF tivo lugar onte no centro cultural Marcos Valcárcel, acto no que participou o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; e o director artístico do OUFF, Miguel Anxo Fernández. Baltar dixo que este ano, a pesar da pandemia, celebrarase o festival porque a Deputación de Ourense “aposta contundentemente por el como xa fixera cando evitamos que desaparecera e lle demos pulo nos últimos tempos, e neste 2020 tan difícil, o festival resiste” e converterá a Ourense durante eses días “nun diálogo aberto sobre o cine do pasado, presente e futuro”.

Nesta edición do OUFF recibíronse “máis de 400 longametraxes de 65 países. A sección oficial está composta por 10 longametraxes nas que están involucradas 17 nacionalidades, van a ser 91 proxeccións durante estes días, que fai unha media de 12 diarias en catro sedes: o Teatro Principal, o Auditorio, as salas do Pontevella e o Cineclube Padre Feijóo”.

PROTAGONISMO ESPECIAL. O presidente do goberno provincial afirmou que nesta edición “Ourense vai estar máis presente ca nunca no festival” porque o festival será inaugurado coa película Olvido y León do director ourensán, Xavier Bermúdez, rodada en Ourense e que será unha estrea mundial. A clausura tamén terá protagonismo ourensán coa estrea de Luarada, unha produción do ourensán Óscar Doviso, baseada na historia de Manuel Blanco Romasanta.

Na gala de clausura proxectarase ademais unha curta protagonizada por Isabel Blanco e Antonio Morris, Non me espera ninguén, expresou Baltar.

Ourense tamén estará presente na película sobre o deportista ourensán Simón González A nosotros tu reino e no panorama de Galicia tamén teremos a proxección en versión cine de Nación de muchachos: Utopía o muerte. Baltar engadiu que ese protagonismo de Ourense no cinema “é a aposta da Deputación nos últimos anos que fixo que nas últimas semanas coincidiran dúas rodaxes que serán éxitos no 2021: Cuñados e Live is Life”.

Entre a programación, Miguel Anxo Fernández destacou que esta edición vai a ter “unha das mellores seccións oficiais dos últimos anos” e tamén se proxectarán “dúas estreas mundiais que son xustamente os da inauguración e da clausura, así como dúas estreas en España. O resto son películas que se estrearán comercialmente no que queda de ano e no 2021 nun ano complicado para a exhibición comercial”.

Xunto ás estreas, Miguel Anxo Fernández salientou a posta en valor que fai o festival “polo talento novo coas Fas Muvis, sección que nesta edición contou con 20 solicitudes, que foi o récord absoluto, das que se tivo que realizar unha escolla de 6 equipos. E, por suposto, unha alta participación En Curta, cunha escolla final de 15 curtametraxes”.

Anxo Lorenzo cualificou ao OUFF como “o festival de referencia e a gran casa dos festivais audiovisuais de Galicia”. Neste sentido, o secretario xeral de Cultura da Xunta afirmou que “estamos a vivir unha eclosión do audiovisual galego como nunca se produciu ao longo dos anos”.