Manuel Villanueva, novo aspirante a fillo adoptivo da provincia de Ourense

Comunicación
Redacción ECG
Paolo Vasile, Manuel Baltar e Manuel Villanueva. Foto: G.

RECOÑECEMENTO O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, asinou este martes unha providencia pola que se inicia o expediente de outorgamento do título honorífico de fillo adoptivo da provincia ao comunicador, Manuel Villanueva, en recoñecemento a unha traxectoria profesional que “tense caracterizado por un apoio permanente a cantas iniciativas se lle teñen formulado desde Ourense”. A proposta, que será presentada ao pleno para a súa ratificación, destaca ademais “o seu apoio persoal e a súa inestimable influencia por ser recoñecido actualmente como un dos directivos máis importantes da televisión en España”.

Manuel Baltar asinou a providencia que dá inicio ao expediente na presenza do propio Manuel Villanueva e durante a audiencia que concedeu a Paolo Vasile, conselleiro delegado do grupo Mediaset España, estes días de visita por Ourense e que no seu momento foi recoñecido pola Deputación co título honorífico de “Ourensán do mundo enteiro”. A providencia tamén recolle a designación do vicepresidente da Deputación César Fernández como instrutor do expediente, que estará asistido polo asesor de Cultura, Aurelio Gómez Villar, que actuará á súa vez como secretario do expediente. ECG