Marilar Aleixandre e María López Sández presentan na RAG ‘Movendo os marcos do patriarcado. O pensamento feminista de Emilia Pardo Bazán’

Literatura galega
El Correo Gallego
As autoras do libro (centro), María López Sández e Marilar Aleixandre, acompañadas pola académica correspondente Olivia Rodríguez e o director xeral de Galaxia, Francisco Castro. Foto: RAG

A CORUÑA. A académica Marilar Aleixandre e a tamén escritora e filóloga María López Sández presentaron este mércores na sede da Real Academia Galega o libro Movendo os marcos do patriarcado. O pensamento feminista de Emilia Pardo Bazán. As autoras estiveron acompañadas no que foi o fogar da escritora coruñesa e hoxe tamén sede da Casa-Museo Emilia Pardo Bazán polo director xeral de Galaxia, Francisco Castro, e pola académica correspondente e profesora da Universidade da Coruña Olivia Rodríguez.

Olivia Rodríguez puxo o acento no traballo que fixeron as autoras para poñer a figura de Emilia Pardo Bazán en relación coa literatura universal e co feminismo do momento nun volume de “lectura áxil” que, considerou, “vai chegar ás rapazas novas” porque tamén se fala do presente, “dos problemas das mulleres de hoxe e da revolución feminista”.