Música, letras e ilustración forman esta peza de natureza interdisciplinar

Libro
Javier Cabo

O carnaval dos animais (Kalandraka, col. 2021) é unha peza de natureza interdisciplinar, apta por tanto para atraer o lectorado desde diversas bandas: un conto escrito polo pedagogo José Antonio Abad Varela (A Coruña, 1940) e xenerosamente ilustrado sobre unha composición musical á súa vez moi célebre, que se recolle no CD que acompaña o álbum. O acerto na escolla desta última resulta indubidable, dado o seu carácter descritivo e a súa temática, sempre ben recibida pola audiencia infantil. Iniciativas así simplifican o acceso á música clásica, con tanta frecuencia pretendido ante os ruídos de moda.

A trama consiste nunha homenaxe ao león, menos ruxinte que melómano, rendido polos outros animais, seres humanos e ata esqueletos danzantes. Nas esmeradas ilustracións de João Vaz de Carvalho (Fundão, 1958) sorprende o aire de familia compartido por todos, cando a chave do colectivo debería ser, por contra, a diversidade ben conxuntada, caso dunha orquestra. Tan só a dedicada á danza macabra rompe a uniformidade do conxunto.

Por suposto, unha obra desta dual natureza ten na sinestesia o seu máximo reto, é dicir, o transvase entre as sensacións dunha arte temporal como a música á imaxe. A dificultade, incluso a nivel de obras mestras, non ofrece dúbidas, aínda que teña sido unha das constantes da arte abstracta. Inviable esta nunha ilustración infantil, sería aconsellable para empezar o recurso a formato cadrado, como o das portadas dos propios discos, onde o deseñador intenta transmitir unha estética musical concreta.

Ao final ofrécese unha breve biografía do compositor francés, Camille Saint-Saëns (París, 1835-Arxel, 1921), que pode animar o lector a ir más alá deste primeiro contacto, ampliable a unha colección/discografía enteira que supere os reparos indicados harmonizando ambos os planos.