Necesaria atención á diversidade usando con xeito as prelecturas

Libro
Mar Fernández

En lingua galega existe unha escaseza de prelecturas e lecturas iniciais polo cal parabenizaremos a aposta de Edicións Xerais de Galicia por abrir en marzo de 2021 unha nova colección, Os Hematiños da que atendemos un dos dous primeiros títulos, O meu irmono, da autoría textual de O Hematocrítico e visual de Alberto Vázquez.

Este álbum presenta unha edición frecuente nas obras de literatura infantil a partir de tres anos: tapas duras con extremos redondeados e páxinas de gramaxe un pouco menos grosa que a cuberta e a contracuberta. As gardas aparecen sen ilustracións e coa mesma cor de fondo vermella usada nas letras do título, nunhas palabras referidas ao humorismo na contracapa e nas orellas, pés e ollos do protagonista. O corpo textual aparece en letras maiúsculas e de gran tamaño nas vinte e catro páxinas de extensión deste álbum, trazos habituais tamén nas obras para prelectores e lectores iniciais.

A narrativa visual combina a predominante páxina simple coa dupla nas capas e nas páxinas interiores. Salienta a cor azul na melena de Marta e no corpo do seu irmono. Alberto Vázquez tamén usa unha gama de cores que mesturan o vermello e o azul para a vestimenta da nena e as cores do corpo dos pais e da casa familiar, e reserva a amarela e a verde para os espazos exteriores, tanto a cidade coma os lugares de paseo en familia e con amizades.

O Hematocrítico reflicte un bo coñecemento do proceso de aprendizaxe da infancia de tres a seis anos xa que elixe como voz narradora a de Marta en primeira persoa. Esta preséntase a ela mesma e ao seu irmono e narra as rutinas de hixiene, alimentación e vestimenta deste. Atende así mesmo aos primeiros contactos de toda a familia coa contorna próxima: amizades de Marta e algúns espazos urbanos da contorna próxima dunha cidade indeterminada por onde pasea a familia e os irmáns. A clave da ensinanza de atención á diversidade e de respecto do outro baséase na acertada escolla da voz narradora de Marta, quen considera diferente ao seu irmono, e conta a súa estrañeza ao respecto.

O vertebrador humorismo acada o cumio cando o lectorado descobre que a estrañeza de Marta se debe a que aínda se atopa na fase de crecemento na que a infancia fai fincapé no seu eu. En realidade a nena debería narrar a historia desde as semellanzas que unen a familia e non personalizalo no seu irmono sen reparar nas diferenzas existentes entre ela mesma e os demais integrantes do núcleo familiar.

margramanet2004@yahoo.es