Nova exposición do CCG sobre a relación de Alfonso X e Galicia

O proxecto conta coa colaboración da Consellería de Cultura, a Deputación de Ourense e a USC// Coincide co 800 aniversario do nacemento do rei Sabio
Exposición
Flora Touzón
Presentación. Anxo Lorenzo, Rosario Álvarez e Dolores Vilavedra. Foto: Conchi Paz

O 23 de novembro de 1221 nacía en Toledo unha das figuras máis relevantes da cultura europea e, particularmente, das letras hispánicas do seu tempo: Afonso X. Sobre esta figura afonda Afonso X e Galicia, o último proxecto expositivo do Consello da Cultura Galega, que conta coa colaboración da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, a Deputación de Ourense e a Universidade de Santiago de Compostela.

A mostra busca visibilizar a conexión con Galicia de Afonso X, no 800 aniversario do seu nacemento, a través das Cantigas de Santa María pero tamén noutros nexos máis profundos, ao tempo que amosa un intelectual que condensa outra forma de entender o saber do seu tempo.

O músico, musicólogo e medievalista Antoni Rosell é o comisario desta mostra, que se inaugurará o vindeiro 12 de xaneiro na Igrexa da Universidade en Santiago de Compostela, e estará aberta ata o 24 de abril, e a primeira das súas itinerancias será Ourense, o Centro Cultural Marcos Valcárcel.

“Será unha exposición moderna, no fondo e na forma, que mostra a figura polifacética de Afonso X, de grande importancia no contexto ibérico e europeo, mais faino desde a óptica de Galicia e da súa influencia na nosa historia cultural” apuntou a presidenta, Rosario Álvarez, na presentación da mostra.

Anxo Lorenzo, secretario xeral de Cultura, destacou a importancia da colaboración institucional para amosar “un proxecto expositivo que poñerá en valor a importante relación do monarca con Galicia, que ten unha das súas expresións nas Cantigas de Santa María, unha das obras da lírica medieval máis senlleiras redactadas en lingua galega”.

“A intención é presentar a Afonso como un ser humano que tivo grandes logros culturais, pero tamén grandes fracasos; que soñou ser o grande emperador de Europa e que acabou moi lonxe do seu propósito” explicou o comisario Antoni Rossell, que interveu na presentación por videoconferencia.

Na mostra poderá verse un personaxe “máis preocupado por conquistar o saber e o seu propio destino que polos límites do seu territorio. Alguén que se posiciona entre o pobo e a divindade, empregando a astroloxía para predicir o facer dos homes” engadiu Antonio Rosell.

A proposta expositiva afástase das exposicións de obxectos, busca compoñer ese relato a modo de crebacabezas con varios niveis, apoiado nunha narrativa multimedia. As circunstancias sanitarias obrigaron a adaptar o deseño desta exposición para que se poida “tocar” virtualmente a través dos dispositivos móbiles, pero tamén de proxeccións visuais e sonoras que permitirán trasladar a atmosfera da Idade Media.

O relato expositivo estará en galego, inglés e castelán e permitirá achegarse á complexa e poliédrica figura de Afonso X, ás Cantigas de Santa María, como testemuño visual e sonoro da Idade Media galega e europea, aos instrumentos e á cultura galega da época.