Novas de Galaxia: outra achega ao imaxinario popular

Libro
Carmen Ferreira

Sempre son ben recibidas as achegas literarias que recollen o imaxinario popular galego, pois reivindican a identidade propia á vez que conservan o rico patrimonio inmaterial e o dan a coñecer ao lectorado máis novo. Nesta ocasión, a editorial Galaxia na colección Álbumes publica Na procura do medo esquecido, de Juáncho. Trátase, como indica o subtítulo, dun fermoso catálogo que acolle criaturas mitolóxicas e fantásticas de Galicia que, ao longo dos tempos, levan provocando medo, mais que na actualidade corren o risco de perderse no esquecemento.

Cunha linguaxe sinxela, directa e coloquial, o autor homenaxea estes seres por medio da narración de feitos extraordinarios, centrados na fantasía e o medo, que acontecen nunha natureza misteriosa e tenebrosa pola que vagan as almas en pena. Unha pequena xoia literaria que se suma ao catálogo de obras que acollen a nosa marabillosa mitoloxía popular.

m.fboo@udc.es