Novo fondo de axudas do hub audiovisual para promover videoxogos

A convocatoria, dotada con 500.000 euros, impulsa a realización de oito novas producións
El Correo Gallego

Santiago. O Diario Oficial de Galicia publicaba este xoves as bases das novas axudas para a promoción de videoxogos, que a Xunta dota cun fondo de 500.000 euros a través do Hub Audiovisual da Industria Cultural. Este investimento reverterá na realización dun mínimo de oito novos proxectos de videoxogos, que deberán ser desenvolvidos ata o 1 de xullo de 2023 por profesionais ou pemes con sede na autonomía.

Con esta convocatoria, en réxime de concorrencia competitiva, o hub audiovisual galego materializa outra das medidas especificamente deseñadas para a industria galega dos videoxogos, que recibirá unha inxección de preto dun millón de euros para favorecer a súa vertebración e competitividade.

Esta é a finalidade do Goberno galego coa posta en marcha do polo de aceleración empresarial xunto á Asociación Galega de Videoxogos e Contidos Interactivos Videoxogo.gal, cun orzamento de 360.000 euros, e un estudo para a obtención dun mapa do sector na comunidade, que posibilite a identificación das principais empresas, proxectos e capacidade de xeración de emprego.

Precisamente este xoves tiña lugar no edificio CINC da Cidade da Cultura unha sesión sobre o novo polo de aceleración do sector, impartida polo director da Agadic, Jacobo Sutil, e a presidenta de Videoxogo.gal, Luz Castro.

Unha vintena de profesionais tiñan confirmada a súa asistencia ao encontro, no que se abordaron os requisitos e trámites para a candidatura de proxectos emprendedores a este programa de consultaría, titorización e proxección exterior para novos profesionais e empresas que estean a comezar a súa traxectoria nesta industria.

En canto á convocatoria publicada, cuxo prazo de solicitude estará aberto ata o 20 de xuño, os destinatarios son profesionais autónomos e pemes do sector para levar a cabo novas producións de videoxogos en todo o seu proceso de creación, deseño e programación, así como de comercialización, distribución e difusión, na fase de prototipo, sempre que sexan inéditas e non estean vinculadas á promoción ou publicidade dunha marca. redacción