Novo pulo para a RAGC co ingreso en Santiago de 5 figuras relevantes

A investidura de María Soledad Soengas, Ana Cebreiro, Aníbal Ollero, Manuel J. Tello e Ángel Sanjurjo, eido da apertura do seu curso
Ciencia
Rosa Cano
DISTINCIÓN. Pola esquerda, Aníbal Ollero, Manuel J. Tello, María Soledad Soengas, Ana Cebreiro e máis Ángel Sanjurjo, onte no Pazo de San Roque, en Santiago. Foto: Suso Rivas

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) celebrou este martes a apertura do seu curso académico nun acto no Pazo de San Roque en Santiago coa investidura de María Soledad Soengas, Ana Cebreiro, Aníbal Ollero, Manuel J. Tello e Ángel Sanjurjo no Pazo de San Roque en Santiago. Asistiron ao evento o presidente da RAGC, Juan M. Lema Rodicio, outros membros do equipo de goberno e académicas e académicos da entidade. Ademais, contouse coa presenza de autoridades como o reitor da Universidade da Coruña (UDC), Julio E. Abalde; a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez; a directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Patricia Argerey; e a vicerreitora de Investigación da Universidade de Vigo (UVigo), Belén Rubio.

Juan Lema inaugurou coa súa intervención o curso académico “con moita ilusión en poder contribuír á promoción da ciencia ”.

O académico numerario Manuel Freire Rama ofreceu a lección maxistral O sistema inmunitario e a defensa das infeccións víricas.

O catedrático de Bioquímica e Bioloxía Molecular na Universidade de Santiago (USC) presentou os compoñentes do sistema inmunitario e as súas habilidades funcionais no organismo, prestando especial atención a súa capacidade para defendernos das infeccións víricas.

Describiu as características dos tecidos (médula ósea e Timo) e células inmunitarias (linfoides e mieloides). Concretou que as células inmunitarias caracterízanse por un despregue na súa membrana exterior de diversos receptores capaces de interaccionar cos elementos estraños que poidan invadir o organismo, denominados antíxenos, e que inclúen bacterias, virus, toxinas e algúns compoñentes de células cancerosas”.

Tendo en conta a situación da actual pandemia, que pon de releve a transcendencia que a defensa inmunitaria ten para vencer as infeccións víricas, Freire asegurou que é moi pertinente presentar os mecanismos mediante os que o sistema inmunitario exerce a súa habilidade para defendernos contra as infeccións, especialmente do virus da gripe e o SARS-CoV-2. Describiu as características estruturais destes virus, as súas envolturas e o seu material xenético, as peculiaridades do proceso infectivo, así como a forma na que a inmunidade innata e a adquirida proceden á eliminación destes virus, facendo referencia aos efectos perniciosos que para a saúde se derivan desta defensa antivírica.

Presentou as terapias antivíricas con fármacos antivirais e vacinas, a metodoloxía para a preparación das diversas vacinas, cunha especial atención ás vacinas anti-CoVi, así como as características da evolución da inmunidade inducida no noso organismo polas vacinas.

Intervención que foi parte dun acto onde xuntáronse en Compostela boa parte dos homes e das mulleres máis salientables agora mesmo no eido da Ciencia en Galicia.

Premios á Transferencia de Tecnoloxía Por otra banda, neste mesmo mes, a Real Academia Galega de Ciencias , coa colaboración da Axencia Galega de Innovación (GAIN) da Xunta, convoca os Premios á Transferencia de Tecnoloxía en Galicia 2022 coa pretensión de recoñecer casos de éxito en transferencia de coñecemento en Galicia e difundilos entre todala cidadanía.