‘O antropomórfico’ de Francisco Leiro aterra en MARCO

O museo de arte de Vigo acolle este proxecto creado polo artista ao longo de dúas décadas
Exposición
Aitor álvarezVigo
Francisco Leiro. Escorredoira II, Escorredoira III, 2020. Madeira de piñeiro policromada, 218 x 140 x 180 cm / 213 x 117 x 210 cm. Foto: Tono Arias

MARCO -Museo de Arte Contemporánea de Vigo- continúa a súa liña de exposicións de produción propia, formulando unha revisión da obra de Francisco Leiro (Cambados, 1957) ao longo das dúas últimas décadas: un traballo centrado no antropomórfico, que é sen dúbida un dos eixes da súa produción. Deixando a un lado calquera sentido ou intención cronolóxica, artista e comisario, Miguel Fernández-Cid, buscan trazar, a través de O antropomófico a relación das obras cos peculiares espazos da planta baixa do MARCO, recorrendo tanto a obras xa realizadas coma a pezas de nova produción, específicas para esta mostra.

Dende a presenza impoñente da Dama de Navalcarnero, situada no panóptico, as criaturas de Leiro van apropiándose dos espazos da planta baixa. Escorredoiras, Pavitas, Androias, Jaivotas, Homes de pau, Danzantes e Ceboliños poboan as salas, nunha montaxe que permite ir trazando percorridos e descubrindo múltiples conexións entre as pezas, e facilitando o diálogo entre estas e o visitante.

Esculturas en granito, bronce e madeira; maquetas e colaxes dialogan coa monumental arquitectura dos patios, co espazo máxico do panóptico, co formato máis tradicional das galerías, e coas salas perimetrais, de modo que o público perciba os distintos xogos de escala e materiais nos que se desenvolve unha das esculturas máis persoais da arte europea desta época.

A mostra, que supuxo un grande esforzo de produción e montaxe, foi posible grazas ao labor de selección no taller do artista, e ao empréstito de obras por parte de institucións e coleccionistas privados.

O antropomórfico reúne unha ampla selección das esculturas nas que Francisco Leiro outorga calidades ou trazos humanos a animais ou cousas, das súas esculturas menos narrativas.

Se ben non é unha exposición retrospectiva, inclúe obras realizadas entre 1986 e hoxe porque, dende hai décadas, as súas exposicións son, á vez, un repaso ás súas claves e unha mostra dos seus últimos traballos. Leiro entende cada ocasión como un reto, no que o primeiro que se formula é como ocupar o espazo. Percorrendo as salas imaxina que obras mostrar e mesmo o modo de facelo, e desa primeira imaxe xorde o bosquexo dunha proposta que chegará a ser o resultado final. A exposición pode visitarse desde este pasado venres ao 16 de outubro deste ano.