O CCG e o Observatorio do Patrimonio levan á rede xogos tradicionais

Traballan man a man nun proxecto que busca aproveitar as novas tecnoloxías
Patrimonio lúdico
El Correo Gallego
Xosé Manuel Barreiro, Rosario Álvarez, Paco Veiga e Manuel Gago.

Santiago. O Consello da Cultura Galega (CCG) e o Observatorio do Patrimonio Lúdico galego traballaron man a man nun proxecto que buscaba aproveitar as novas tecnoloxías para difundir os xogos tradicionais. O resultado é Xogos tradicionais unha web e unha APP (para Android e Apple) que conteñen información de medio centenar de xogos que se poñen a disposición da cidadanía. Do puño puñete á petanca, pasando pola chave, a cadeira de raíña.... son algunhas das propostas que se poden atopar no proxecto presentado este xoves pola presidenta da institución, Rosario Álvarez; o coordinador técnico, Manuel Gago; e dous representantes das diferentes entidades que integran o Observatorio, Paco Veiga e Xosé Manuel Barreiro. Ademais, Manolo Charrancas da Asociación Galega do Xogo Popular e Tradicional, lanzou o peón máis pequeno do mundo.

O refraneiro popular afirma que “polo San Martiño peóns ao camiño”, que sinala o comezo da temporada de brinquedo. E foi a data escollida polo Consello da Cultura Galega (CCG) e o Observatorio do Patrimonio Lúdico Galego para presentar este proxecto interactivo que se concreta nun espazo web e unha aplicación para os novos dispositivos móbiles. ECG