O CCG presenta a historia de Elisa e Marcela nunha banda deseñada

Guionizado e debuxado por Xulia Vicente, trátase dun traballo de 32 páxinas que conta a historia destas mulleres pioneiras no matrimonio homosexual en España
Cultura
Inés ÁlvarezSantiago

Marcela Gracia Ibeas e Elisa Sánchez Loriga casaron o 8 de xuño de 1901. Adiantáronse máis dun século á legalización do matrimonio homosexual en España. A súa historia foi investigada e dada a coñecer por, entre outros, Narciso de Gabriel e desde entón inspirou películas, exposicións, obras de teatro e un regueiro de publicacións. E desde onte tamén un cómic.

O Consello da Cultura Galega(CCG) presentou Elisa e Marcela, unha banda deseñada guionizada e debuxada por Xulia Vicente. Ademais da publicación, que xa se pode descargar desde o web institucional, hai un making of a cargo da propia autora no que dá as claves deste traballo. Esta iniciativa súmase ás propostas coas que a institución conmemora, a través da súa Sección de Pensamento, o Día do Orgullo LGTBI+, que se celebra cada 28 de xuño.

“Sentín unha responsabilidade tremenda porque non estou afeita a facer guións e moito menos a traballar sobre historias reais e comecei a facer un intenso labor de investigación” explicou Xulia Vicente, a autora do guión e dos debuxos da banda deseñada Elisa e Marcela.

Ese labor de documentación levouna pola historia da Coruña de principios de século, pola súa vestimenta, polo mundo das regueifas e pola forma de entender a sociedade dunha época. O resultado é un traballo de 32 páxinas debuxadas en lapis que conta a historia destas dúas mulleres pioneiras que conseguiron burlar a igrexa e as normas da época para converterse no primeiro precedente do matrimonio homosexual en España.

A publicación está dispoñible na rede e preséntase acompañada dun making of no que a creadora, Xulia Vicente, explica o proceso de elaboración deste traballo ao tempo que debuxa a portada do cómic.

Esta iniciativa xorde do interese do Consello da Cultura Galega por entender a cultura galega en sentido amplo e encaixa dentro dunha liña de traballo do actual equipo da institución de empregar outras linguaxes para achegarse a públicos diferentes. O CCG suma así unha nova banda deseñada entre as súas publicacións, xénero que cultiva desde o 2000. Nese ano presentou De quen é a auga?, unha publicación de ámbito científico que explica a relevancia de administrar ben o consumo de auga e a súa importancia no ecosistema.

Nesta ocasión, a banda deseñada chega da man da Sección de Pensamento, que coordina Carme Adán, e permite ver noutra linguaxe a historia de “dúas mulleres que no noso país son xa referencia e icona de transgresión e liberdade”. Ademais, é unha das actividade previstas para celebrar o Día do Orgullo.