O CCG publica as cartas entre Rónai e Paz Andrade

Epistolario
Redacción ECG
AMISTADE. Paz Andrade, a esquerda, e Paulo Rónai. Foto: CCG

EPISTOLARIO. Onte celebrouse o Dia Mundial da Lingua Portuguesa. Co gallo desta efeméride o Consello da Cultura Galega (CCG) publicou un especial que inclúe o epistolario entre o escritor e tradutor brasileiro Paulo Rónai e Valentín Paz Andrade. Cincuenta e dúas cartas que amosan como a acollida da literatura brasileira en Galicia e da literatura galega no Brasil deste período lles debe moito a estes dous intelectuais que uniron as dúas puntas do océano.

O epistolario inclúe as misivas que o escritor e tradutor brasileiro Paulo Rónai escribe a Valentín Paz-Andrade entre os anos 1974 e 1988 e que poñen en evidencia, alén da gran amizade e das confidencias persoais, o profundo coñecemento de ambos a respecto do escenario cultural da época nos seus respectivos países.

Acompáñase da entrada no Álbum de Galicia de Pilar Vázquez Cuesta, escritora, filóloga e intelectual hispanista de traxectoria universitaria principalmente lusitanista.

No marco desta día, a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, asistiu en Guimarães ao Seminario do Dia Mundial da Língua Portuguesa que organizaron o Municipio de Guimarães, a Universidade do Minho e o Instituto Camoes. Nel analizouse o papel desta lingua en diferentes ámbitos, desde o contexto académico ata o papel da diáspora sen esquecer os desafíos de futuro. ECG