O Centro Dramático Galego inicia o proxecto Phone na urbe norueguesa de Tromso

Trátase dunha iniciativa europea que busca a posta en valor das linguas minoritarias utilizando o teatro como unha ferramenta
Luis Montero
Membros da compañía galega Moving Compass. Foto: G.

O Centro Dramático Galego (CDG), unidade de produción teatral da Xunta de Galicia, iniciou a súa participación no proxecto europeo Phone, no que estruturas teatrais de sete países diferentes desenvolven varias iniciativas conxuntas para a posta en valor de linguas minoritarias a través das artes escénicas.

O primeiro dos encontros presenciais terá lugar esta próxima fin de semana na cidade de Tromso (Noruega), país que forma parte deste proxecto xunto con Holanda, Francia, Romanía, Italia, Irlanda e Alemaña, ademais de a propia España.

Financiado con fondos da Unión Europea, o obxectivo de Phone é dar voz e salvagardar a diversidade cultural e lingüística de Europa, conectando profesionais e públicos que pertencen a comunidades que dispoñen dunha lingua propia, proporcionándolles unha plataforma que sirva para promover a súa expansión e intercambio.

O proxecto préstalle especial atención á participación da xuventude e á transmisión de coñecemento entre distintas xeracións de poboación.

Phone desenvolverá diferentes métodos de escrita biográfica/documental e de teatro comunitario interxeracional a nivel europeo para dar como resultado oito montaxes teatrais contemporáneas (unha por cada territorio participante, xa que Alemaña achega dúas comunidades lingüísticas distintas).

Está previsto recorrer a novos formatos escénicos,
á aplicación de novas tecnoloxías e á utilización de ferramentas dixitais como poden ser os podcasts ou vodcasts, entre outros aspectos.

Manual de boas prácticas. Tamén pretende deixar esta iniciativa como legado diferentes mecanismos que se comproben útiles como métodos de traballo, así como un manual de boas prácticas para axudar aos interesados a promover o teatro en diferentes linguas minoritarias.

No caso concreto do Centro Dramático Galicia, en cada fase de Phone (encontros de dirección, dramaturxia etcétera) incorporaranse diversos artistas galegos novos que estean en cada momento a levar a cabo algún espectáculo que conte con produción ou participación da compañía pública autonómica.

Así, no arranque do proxecto na cidade norueguesa de Tromso intervirá unha representación da compañía Moving Compass, coa que recentemente se levou a cabo en réxime de coprodución o espectáculo A barca do inferno, e que será ademais unha das montaxes que participarán no ano dedicado á comunidade galega na presente edición do Festival Internacional de Teatro Clásico de Almagro.