O consumo de alcol sitúase preferentemente en festas e reunións
Unha enquisa na que participaron 175 persoas maiores de 18 anos (dos cales 124 eran mulleres, 49 homes e 2 preferiron non contestar), tanto de Galicia como de fóra desta e de diferentes rangos de idade puxo de manifesto que a situación pandémica empurrounos a diminuír o consumo de alcol, xa que se trata dun fenómeno eminentemente social como se demostra na estampa diaria das terrazas de calquera cidade galega. Ademais, os continuos peches da hostalería e as restricións de reunións non favoreceron a un aumento do consumo de bebidas alcólicas, xa que como afirmaba un dos enquisados que pensaba que “diminuíu en xeral, xa que antes tiñan lugar moitas situacións nas que o consumo era de carácter social”. Ao abordar o consumo de alcol antes da aparición da Covid-19 atopámonos co grupo máis numeroso, que só bebía en ocasións concretas como festas ou reunións (37,1%) e seguido dos que bebían 1 ou 2 veces por semana (34,1%). Chama a atención que só un 4,6% afirman que non bebían.