O espírito do galeguismo, dentro da filosofía do Grupo Correo Gallego

Comezou en ‘La Noche’ e chegou ata o primeiro diario na nosa lingua// Restan soamente tres días para que ECG publique o 50.000, un número vertixinoso
Medios de Comunicación
María Almodóvar
Composición da primeira e última portadas de Galicia Hoxe.

Escribe o xornalista Alberte Mariño no artigo que EL CORREO GALLEGO publicará no suplemento especial con motivo, o vindeiro martes, da chegada do seu número 50.000, que “a aventura periodística de La Noche foi –nisto hai consenso unánime- unha das máis escintilantes na historia da prensa galega” porque, entre outras cousas, alimentou o rexurdimento da lingua e da literatura galegas”.

Foi un periódico que se adiantou ao seu tempo –en 1967 nacería a fusión con ECG–, tendo sempre o galeguismo por bandeira. É isto tan certo, que o Grupo Correo Gallego asumiu o desafío de editar o primeiro diario integramente en galego –O Correo Galego– e Galicia Hoxe.

“algo longamente desexado”. Como lembra o subdirector de ECG Xavier Cea, “prevalecía a sensación de ter nas mans algo longamente desexado, a sensación de contribución ao país, e tamén, nada máis nacer a publicación, sentíamos xa a responsabilidade e a necesidade de conseguir afortalar e consolidar, co traballo diario, o novo camiño informativo”.

Revela o xornalista, narrador e poeta Antón Lopo, un dos pesos pesados do proxecto e creador da Revista das Letrasrevela que “nunca se publicara nada así no xornal [...] O Correo e o seu sucesor, o ambicioso Galicia Hoxe, supuxeron un salto no enfoque material na información de cultura, algo que non foi alleo o brillo personal de Caetano Díaz, o seu director”.

Traemos á memoria estas verbas do primeiro número de O Correo Galego: “Unha ambiciosa iniciativa que dá cima ao proxecto de edición do primeiro xornal en galego na historia de Galicia. Nace con vocación de produto de calidade e quere ser o espello da Galicia real sen renunciar a se convertir na panca que dea pulo á integración harmoniosa do noso país da Europa do século XXI”.

En contraposición, o laio pola tráxica morte de GH, “unha aventura empresarial única, na que durante dezaoito anos apostou con decisión pola información en galego. Foi unha pelexa en solitario, cun equipo de profesionais exemplar e cun importante esforzo económico e de medios”.

AMOR A GALICIA. Durante todo ese tempo, foi real o soño revolucionario de que outro periodismo era posible, “asentado nos piares da liberdade, da obxetividade, da verdade, da tolerancia e do amor a Galicia. Ese é o legado do Grupo Correo Gallego nas máis de trescentas mil páxinas editadas no noso idioma dende o 6 de xaneiro de 1994”.

E iso ninguén poderá borrarlo nunca.