O fondo para rodaxes do Hub audiovisual da Xunta xera un impacto de máis de 15 millóns

Así o confirman as primeiras estimacións dun estudo da USC sobre o retorno da filmación en Galicia de catro producións
Sector audiovisual
Luis Montero
Jacobo Sutil, Román Rodríguez, Emma Lustres e Alfonso Blanco, na Cidade da Cultura. Foto: G.

As catro primeiras producións subvencionadas pola Xunta a través do fondo para a atracción de rodaxes do seu Hub Audiovisual da Industria Cultural están a xerar un impacto económico (directo máis indirecto) en Galicia de máis de 15 millóns de euros.

Trátase da primeira estimación que arroxa un estudo encargado á Universidade de Santiago de Compostela para cuantificar o retorno da filmación na comunidade da longametraxe 13 Exorcismos, de Bambú Producciones, e das series Rapa e Argonautas, de Portocabo, e Hasta el cielo, de Vaca Films, que vén confirmar o efecto multiplicador do investimento público na industria audiovisual galega, que neste caso se situou en 1,3 millóns de euros.

Esta última é a contía resultante da suma das subvencións adxudicadas a estes catro proxectos ao abeiro da que foi a primeira iniciativa do hub audiovisual, posta en marcha en setembro de 2021 e que, tal e como anunciou o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, ten continuidade este mesmo ano cunha segunda convocatoria dotada con dous millóns de euros, que publicará este martes o Diario Oficial de Galicia.

A capacidade de emprego das catro rodaxes, 230 contratacións en termos equivalentes anuais, é outro dos datos destacados deste balance, que Román Rodríguez avanzou na rolda de prensa que tivo lugar na Cidade da Cultura de Galicia. Nela interviñeron tamén o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, e os directores executivos de Vaca Films, Emma Lustres, e Portocabo, Alfonso Blanco.

Asistiron, así mesmo, María Bastida e Miguel Vázquez Taín, profesores da Facultade de Económicas da Universidade de Santiago e integrantes do grupo de investigación encargado do estudo.

Este traballo é froito da colaboración entre dous equipos da propia USC: o Grupo de análise e modelización económica (GAME) e o de persoas, organizacións sostibles e márketing (Posmark), baixo dirección de Melchor Fernández e Jesús Pereira.

Rodríguez incidiu en que é unha previsión antes da emisión dos filmes, polo que “o efecto multiplicador será, evidentemente, superior”.

Así, estes primeiros cálculos obtéñense extrapolando os costes reais do primeiro proxecto xa finalizado, Rapa, e sen ter en conta outros posibles efectos, como o retorno inducido, que se deben calcular a posteriori.

En referencia ás primeiras cifras que arroxa o estudo, o conselleiro sinalou que, “por por riba dos números concretos, reflicten en termos moi positivos o potencial competitivo, de crecemento e de xeración de emprego do audiovisual galego, así como o seu efecto tractor sobre o resto dos subsectores da nosa industria cultural e creativa”.

Puxo as catro produtoras adxudicatarias do fondo de rodaxes como exemplo do alto nivel do sector, tanto a nivel creativo como de capacidade de captación de recursos e alianzas estratéxicas para os seus proxectos.

É o caso de 13 Exorcismos con Atresmedia, Hasta el cielo con Netflix, Argonautas con TVE e Rapa con Movistar +. Esta última chegará ás nosas pantallas en maio tras a súa rodaxe a finais de 2021 na serra da Capelada e noutras localizacións de Ferrolterra, mentres que 13 Exorcismos e Hasta el cielo atópanse en pleno proceso de filmación.

Pola súa banda, a serie infantil Argonautas gravarase este mesmo verán despois de ter realizado un amplo casting en varios centros escolares da Coruña e a súa área.

A súa condición de proxectos subvencionados implicaba xa un compromiso de gasto directo na comunidade, que nos catro casos arroxa contías máis elevadas ao engadirlle a previsión do impacto indirecto. Así, segundo as primeiras estimacións do estudo, o retorno total de Rapa supera os 5,6 millóns de euros a partir dunha subvención de 300.000, mesma contía adxudicada a Hasta el cielo, cun retorno de máis de 4,7 millóns. As axudas a Argonautas e 13 Exorcismos sitúanse nos 350.000 euros en cada caso, cun impacto superior aos 2,6 e 2,3 millóns de euros.