O impacto da peregrinación a Santiago na construción do europeísmo, a través da arte
O papel da peregrinación a Compostela desde as súas orixes ata os nosos días no desenvolvemento da vocación europeísta pode xa observarse a través da exposición Xacobeo. As pegadas do Camiño, inaugurada este venres no Museo Centro Gaiás.
Unha mostra coorganizada polo Goberno galego, a Biblioteca Nacional e Acción Cultural Española, e que foi inaugurada polo conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez.
No acto de apertura, o responsable de Cultura celebrou a chegada a Galicia “dunha das retrospectivas máis minuciosas á hora de ilustrar a evolución do Xacobeo ao longo da historia”.
“Esta mostra constitúe unha das maiores e máis documentadas investigacións realizadas sobre o fenómeno do Camiño de Santiago, na que se pon en valor o importante tesouro patrimonial que abranguen as distintas expresións culturais vencelladas coa peregrinación”, explicou Román Rodríguez.
Comisariada por Darío Villanueva. Neste senso, aproveitou a ocasión para agradecer a “colaboración activa” da Biblioteca Nacional e de Acción Cultural Española e o “exemplar labor”, tanto por parte do comisario da exposición, Darío Villanueva, como do comité científico, integrado por reputados investigadores da Historia da Arte e das artes gráficas.
“A cooperación e rigor desta mostra constata o gran valor que posúe o Camiño de Santiago como elemento de unión e dinamizador da actividade cultural a nivel nacional”, precisou.
O director cultural da BNE, Ángel Martínez Roger, quixo facer fincapé en que “para a Biblioteca Nacional de España é unha gran satisfacción mostrar os seus ricos fondos orixinais sobre o Camiño en Santiago, deixando así unha pegada máis neste camiño que percorre a historia e as culturas que o alimentan”.
O acto contou, ademais, coa participación do comisario da exposición, Darío Villanueva, e o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo.
A mostra reúne un total de dúascentas pezas pertencentes na súa meirande parte aos fondos da Biblioteca Nacional, ademais de valiosas achegas doutras institucións, como o Museo del Prado, e chega a Compostela despois de ser exhibida na sede da Biblioteca Nacional en Madrid, onde foi visitada por preto de 19.000 persoas.
Aberta ao público ata o 29 de maio. Desde este venres e ata o 29 de maio poderá contemplarse na Cidade da Cultura da capital galega.
Pinturas de mestres clásicos, como Murillo ou un discípulo de El Greco, manuscritos e códices medievais ou mapas históricos, artellan un relato poliédrico, abordando a pegada do Camiño na cultura europea desde un punto de vista cultural, artístico, literario, sociolóxico, antropolóxico, xeográfico, paisaxístico e mesmo vivencial.
Entre a escolma de obras que presenta a mostra destacan xoias documentais e bibliográficas, como o primeiro himno na honra de Santiago O Maior, O Dei Verbum, conservado nun breviario do século IX, ou unha tradución temperá ao galego-portugués do Liber Sancti Iacobi. Miragres de Santiago, datada no s. XIV ou comezos do XV.
Ademais, exhibe dúas importantes pinturas con temática xacobea: El Apóstol Santiago (1655) de Murillo e Julián Romero y su santo Patrono (1585-1589) da escola de El Greco, ambas cedidas polo Museo del Prado.
Como novidade respecto ás obras exhibidas en Madrid, a exposición no Gaiás suma catro pezas cartográficas pertencentes á colección de Jaime Terceiro Lomba.
Entre elas atópase un mapa europeo de distancias (1650) onde a única cidade española que aparece é Santiago, ou outro de orixe francesa (1659) considerado moi singular pola súa composición, xa que presenta unha orientación invertida do territorio francés e español.
A exposición complétase con fotografías históricas e actuais, diarios de peregrinación, crónicas, obras de literatura odepórica italiana (de viaxes), gravados, estampas, selos postais ou carteis, alén dunha parte dedicada á música e á produción fílm’ica xurdida ao abeiro do Camiño.
O espazo da mostra foi ideado pola escenógrafa e deseñadora de exposicións catalá, Anna Alcubierre, que colabora con institucións como o Museo Nacional de Arte de Cataluña (MNAC), o Museo Picasso de Barcelona ou o Museo Nacional de Escultura, entre outras.
O percorrido está organizado para que o visitante se adentre no Camiño de maneira unidireccional, cun eixo central trazado polas imaxes do fotógrafo Xurxo Lobato, que nos debuxan a parte máis humana dos peregrinos.