O impacto da tecnoloxía no futuro da sociedade e nos cambios de vida, a análise

Presentado na sede do Coeticor de Compostela o novo libro de Fran Yáñez ‘Mundo 4.0. El futuro de la sociedad tecnológica’
Novas tecnoloxías
Luis Montero
Francisco Yáñez, esquerda, cos participantes na presentación do libro na sede do Coeticor.

Cunha invitación á reflexión sobre a importancia da tecnoloxía nos cambios de vida e o futuro da sociedade, Francisco Yáñez presentou esta semana na sede do Colexio de Enseñeiros Técnicos Industriais de Santiago o seu novo libro, Mundo 4.0. El futuro de la sociedad tecnológica.

Ante un auditorio ateigado de xente, e acompañado de Juan Carlos Muñiz, presidente deste colexio, e a coordinadora de formación Isabel Costoya, charlou cos asistentes sobre este apaixonante tema.

Juan Carlos Muñiz foi o encargado de abrir o acto, no que destacou a exitosa carreira do protagonista do evento.

Salientou que “aínda que o título do libro asusta un pouco, está ao alcance de todos, cunha interesante, amena e entretida lectura”.

Nese senso, engadiu que “incorpora exemplos da vida cotiá, pero con implementacións dun futuro non moi lonxano”, e que aínda que o seu análise é futurista e predictiva a medio prazo, aporta casos concretos que “ben puideran suceder nos próximos 10-15 anos”.

Indicou que, logo de ler o libro, “vexo a Fran como un “Julio Verne do presente, con ideas dun futuro cercano”.

Para Yáñez “interesarnos polo futuro de hoxe, daranos a oportunidade de poder chegar a el moito máis preparados”, e como exemplo quixo amosar a súa preocupación polo cambio climático e todos os destrozos que fixo o home nos últimos 50 anos, facendo alusión a novas tecnoloxías que poderían ser “moi interesantes”, xa que poderían axudar a frear o cambio climático coa captación de C02, ou con enerxías limpas.

Así, afirmou que non podemos deixar de mirar ao pasado para entender o que levamos vivido, pero a “única maneira de mellorar a nosa vida é mirando cara o futuro”.

Outro asunto que aborda a súa publicación é o feito de que a tecnoloxía, que non estaba neste mundo cando nacemos, “avanza tan rápido que en ocasións é quen de atafegarnos a exceder o ritmo do noso entendemento”.

Esta obra permitirá viaxar ao futuro da nosa sociedade e comprender, de forma sinxela e amena, que se agocha detrás das tecnoloxías máis disruptivas, e como estas tecnoloxías van xerar infinidade de oportunidades, pero tamén novos riscos e ameazas.

Desde o punto de vista do autor, co libro coñeceremos “o que está por vir e comprenderemos que o futuro pertence aos que saben que empeza hoxe e non mañá”.

Entre os asistentes á presentación, destacou a presenza de Xosé Zapata, produtor, director e guionista, e que obtivo un Goya ao mellor cortometraxe por The monkey.

Francisco Yáñez Brea, natural de Santiago e residente en Vigo, é enxeñeiro, máster en Desenvolvemento directivo de automoción por Kaizen Institute, experto en Lean Manufacturing por Porsche Consulting GmbH, máster en Dirección de Operacións e en Sistemas Integrados de Xestión (Calidade, Medioambiente e Prevención) por Ingafor, e auditor xefe de normas e referenciais tales como OHSAS, ISO/TS, FIEV e IATF.

Desde o ano 1999 desenvolve a súa carreira no sector da automoción, ocupando diversos postos directivos.