O libro ‘Estampas do Grove’ amosa en máis de 100 fotos o gran traballo de Paco Luna

É unha proposta editorial de Lúdica7 para relanzar a artistas anónimos en Galicia // A súa presentación terá lugar esta tarde
Iria López
Unha das fotografías que recolle o libro ‘Estampas do Grove’, de Paco Luna. Foto: P. L.

A Sala de Cunchas do Concello do Grove acolle hoxe, ás 19.00 horas, a presentación do libro Estampas do Grove, do autor Paco Luna, a proposta da editorial LúdicaLIBROS. O acto estará presidido polo alcalde da localidade, José Antonio Cacabelos, e polo secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez. Xunto coa presentación da obra, inaugurarase tamén unha exposición de doce láminas en gran formato incluídas na obra.

A proposta editorial de Lúdica7 é un libro de 122 fotografías do concello do Grove, en formato de 17 x 24 cms, encadernado en tapa dura e cunha extensión de 136 páxinas impresas en papel de alto brillo. “É unha aposta por recuperar das redes sociais aqueles extraordinarios artistas gráficos que aínda non teñen editada ou impresa a súa obra, e apoialos para visualizar a súa capacidade artística. Moitos fotógrafos teñen subidas as súas fotografías de Galicia ás redes sociais e son extraordinarias, pero sorprendentemente, non as teñen impresas”, indican desde a editora. Lúdica7 quere tamén destacar o apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística nesta edición facilitando esa aposta da editorial para relanzar fotógrafos anónimos en Galicia.

NAS LIBRARÍAS. Este traballo distribuirase a través de librarías da comarca aínda que no acto de presentación poderase adquirir a un prezo sensiblemente inferior. Paco Luna, andaluz felizmente xubilado no Grove –a súa terra de acollida– exerceu de mozo como fotoxornalista, colaborando cos xornais Sol de España e Diario Sur de Málaga. Agora adica todo o tempo que pode á familia e á súa paixón: a fotografía; unha terapia, di, coa que se relaxa e goza de canto o arrodea.

A BELEZA DO GROVE. Coa súa cámara sempre aberta, nos últimos anos foi quen de captar como ninguén a beleza do Grove, a ría de Arousa e outros puntos da bisbarra. É́ un apaixonado da fotografía e das paisaxes galegas, especialmente da zona da Lanzada, que inmortalizou coa súa cámara dende que chegou a Galicia. “Encántame facer fotos das paisaxes e das xentes desenvolvendo as súas actividades cotiás e dedícolle todo o tempo que podo. Aqui no Grove teño a contorna perfecta: paisaxe inigualable e xentes entrañables e agarimosas”, explica Luna.

PRAIA DA LANZADA. Nas súas exposicións mostra instantáneas e repasa algúns dos seus recantos preferidos da comarca grovense, como a praia da Lanzada, “que nunca me canso de mirar”, di, “porque ten unha luz marabillosa a calquera hora”. Paco retrata a beleza de solpores e amenceres, compartindo protagonismo cunha serie fotográfica das mariscadoras en plena faena na Illa da Toxa, e que segundo sinala, “son das que máis gustan aos turistas”.