O luns, as bibliotecas da Xunta celebran o Día das Escritoras

Farán mostras e recitais en centros de Santiago como o da Cidade da Cultura e no Ánxel Casal
Rosa Cano
CULTURA. Cartaz do recital ‘Palabra de muller’. Foto: G.

As bibliotecas públicas da Xunta nas cidades da Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago e Vigo, así como a Biblioteca de Galicia, súmanse á conmemoración do Día das Escritoras, que nesta sexta edición se celebra o 18 de outubro. A efeméride impulsada pola Biblioteca Nacional de España, xunto á Federación Española de Mulleres Directivas, Executivas, Profesionais e Empresarias, e á Asociación Clásicas e Modernas ten como obxectivo a posta en valor do legado cultural das autoras literarias ao longo da historia.

Na Biblioteca Pública da Coruña Miguel González Garcés desenvolverá o luns ás 18,00 horas, a actividade Os relatos en feminino, unha lectura de diversos textos de autoras como Dolores Redondo, Elvira Lindo, Maruja Torres, Almudena Grandes ou Xohana Torres, entre outras. Para asistir cómpre apuntarse previamente por teléfono ou a través da web da biblioteca. Nesa mesma xornada instalarase ata o 30 deste mes a mostra bibliográfica As idades da vida, cunha selección de obras de Marina Mayoral, Marilar Aleixandre, Ledicia Costas e Yolanda Castaño, xunto ás doutras figuras.

Tamén está xa dispoñible a exposición Marie de Gournay, escritora, filóloga, tradutora, filósofa e poeta francesa dos séculos XVI e XVII.

No caso da cidade de Santiago, a Biblioteca Pública Ánxel Casal súmase á celebración do Día das Escritoras co recital para público adulto Palabra de muller, que terá lugar o martes ás 19,30 horas. Coordinado por Lisístrata, persoas representativas da cultura e a sociedade galega poranlles voz ás escritoras homenaxeadas nesta efeméride, baixo a lenda Ler as idades da vida. Trátase así de darlle visibilidade e difusión ao seu legado cultural, lembrar as dificultades ás que tiveron que enfrontarse e poñer en valor o esforzo cotiá das mulleres. As persoas interesadas en asistir poden retirar o convite desde unha hora antes no mostrador de información. A conmemoración continúa o martes ás 18,00 horas co xogo de fuga Aventuras literarias con nome de muller, a cargo de Xandobela.

Na Biblioteca de Galicia, con sede na Cidade da Cultura, no Gaiás, o luns ás 19 h. haberá a charla da man das profesoras da USC Montse Pena e Dolores Vilavedra. O obxectivo é renderlle unha homenaxe á escritora galega ao tempo que se aborda o que supón ser mulleres e ensaístas, como é o caso das propias relatoras. E retransmitirase en streaming pola canle de YouTube. Ademais, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, asistirá en Vila de Cruces ao evento conmemorativo da efeméride organizado pola Fundación Xosé Neira Vilas, no que se homenaxeará á Anisia Miranda, cunha ofrenda floral.