O Museo Centro Gaiás leva ás aulas as súas exposicións

Ofrece aos centros de ensino unha alternativa ás saídas escolares programadas, limitadas polas medidas de contención do coronavirus
Gaias
Ramón González
na rede. Unha das guías do Museo Centro Gaiás facendo unha visita didáctica. Foto: C.C.

O Museo Centro Gaiás leva as súas exposicións ás aulas grazas a un programa -pioneiro en Galicia- de visitas didácticas realizadas a través de videoconferencia.

A iniciativa ofrece así aos centros de ensino unha alternativa ás saídas escolares programadas, nun momento no que estas se viron limitadas polas actuais medidas de contención da pandemia da covid-19. O proxecto tira proveito das posibilidades da tecnoloxía para permitir a docentes e estudantes afondar en contidos culturais de primeira orde e gran potencial didáctico, como a exposición Galicia, de Nós a nós, da man do equipo de guías do Museo Gaiás.

Este novo programa oferta así unha alternativa ás visitas que o complexo da Cidade da Cultura viña acollendo ao longo do curso escolar, e que as medidas para frear o avance da pandemia da covid-19 impiden que se desenvolva do xeito habitual.

BOA ACOLLIDA. A iniciativa foi recibida con entusiasmo por parte da comunidade educativa, esgotándose en poucos días as 24 quendas dispoñibles de aquí ao 15 de novembro, que xa están todas asignadas. Ante esta excepcional acollida, o Museo Centro Gaiás vén de abrir novas datas e a partir de hoxe os centros de ensino poden xa facer a súa reserva para a segunda xeira de visitas didácticas. Nela atenderanse outros 38 grupos entre o 17 de novembro e o 15 de xaneiro, esperando superar os 2.000 estudantes a través deste proxecto pioneiro.

Dirixidas a alumnado de ESO e Bacharelato, as visitas didácticas en liña a Galicia, de Nós a nós permiten achegarse a distintas pezas e relatos que se abordan na exposición, co obxectivo de destacar a importancia de Nós na construción da identidade galega e a súa pegada na nosa lingua e cultura. Están conducidas polo persoal de guías do Museo Centro Gaiás, cos que alumnado e docentes poden interactuar en directo.

Ademais de visualizar múltiples obras expostas na mostra, a visita emprega recursos audiovisuais adicionais que axudan a comprender mellor o contexto sociohistórico e sociolingüistico da Xeración e do Grupo Nós e a conectar os protagonistas da exposición coa actualidade e coa realidade da audiencia.

De xeito complementario, a actividade proponse tamén pór en valor o uso das TIC nos procesos de aprendizaxe actuais.