O Premio Galicia de Fotografía abre a novena convocatoria

O galardón consistirá na produción dunha exposición e tamén publicación dun libro
Certamen de fotografía
Redacción ECG
Presentación da IX Edición do Premio Galicia de Fotografía Contemporánea. Foto: G

Santiago. A IX edición do Premio Galicia de Fotografía Contemporánea, para o que a Xunta de Galicia vén de renovar o seu apoio, presentouse hoxe nun acto onde o secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, resaltou a importancia deste certame para “situar a Galicia no mapa da creación artística” e recordou que, nos seus nove anos de vida, este galardón foi quen de atraer a Galicia artistas de todas as partes do mundo e “crear na nosa Comunidade un espazo de intercambio artístico entre talento galego e do resto do mundo”, engadiu.

Neste sentido, o representante Lorenzo, salientou que é un dos premios referencia de Galicia que se enmarcan, ademais, no compromiso da Xunta por promover e divulgar o talento artístico en todas as súas facetas, a través de diferentes liñas de acción e apoio a certames como este falan “do importante labor da arte tamén en clave contemporánea”, dixo.

Estes premios están impulsados pola asociación Outono Fotográfico e contan co patrocinio da Xunta e a Deputación de Lugo. A convocatoria presentada concederá un único premio que consiste na produción dunha exposición itinerante e unha publicación dun libro. A exposición inaugurarase entre os meses de decembro de 2021 e xaneiro de 2022 en Lugo e itinerará durante dous anos polo resto de Galicia nas salas de Afundación. Ademais, publicarase un libro que formará parte da serie Premio Galicia de Fotografía Contemporánea da colección OF e que se distribuirá nas librarías. ECG