O profesor José Paz ofrece as súas bibliotecas á Deputación ourensá

Baltar destaca a gran xenerosidade “dun dos grandes mestres da nosa historia”
Biblioteca
El Correo Gallego
O profesor José Paz e o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, onte durante o encontro. Foto: G.

Santiago. O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, recibiu onte no Pazo provincial ao mestre e profesor universitario José Paz, ao que expresou a máxima receptividade da institución á súa proposta de doazón das sete bibliotecas temáticas que o mestre ourensán foi creando desde principios os sesenta do pasado século.

Bibliotecas entre as que destaca unha colección con máis de 30.000 volumes referida ao Nobel de Literatura Rabindranath Tagore e que, segundo adiantou Baltar, “sería o mellor punto de partida para a creación en Ourense dun Centro Tagore, integrando á provincia nunha elitista rede internacional de centros dedicados ao intelectual”.

Cualificou a proposta de doazón das sete bibliotecas de José Paz como “unha oferta que Ourense non pode rexeitar, posto que contribuirá a consolidar o carácter da nosa provincia como territorio creativo e referente do turismo cultural”.

Desde o punto de vista do presidente da Deputación, “José Paz é un dos grandes mestres da historia de Ourense, cunha importante traxectoria na India que fala da súa internacionalidade, pero ademais cun rigor, unha profesionalidade e un amor pola cultura, o coñecemento e os libros á que temos que ser sensibles, celebrando o seu altruísmo, a súa xenerosidade e que pense en clave de Ourense”, subliñou.

En próximas semanas Baltar manterá unha nova reunión co mestre ourensán para estudar as posibles ubicacións das sete coleccións, “ben na cidade, nunha estratexia na que tamén podería entrar o Concello de Ourense, ou en distintos puntos da provincia cun lugar sinalado na súa localidade de nacemento, Corna, no Concello de Piñor.

As bibliotecas xiran en torno a temas moi diferentes. ecg