O protagonismo do Día das Letras trasládase ás redes

O CCG celebra hoxe en Santiago, pola crise sanitaria, o concerto que abre os actos // Decepción en Ferrol polo cambio de lugar
Día das Letras Galegas
Patricia Hermida
Pola dereita, Rosario Álvarez, Eduardo Maragoto, Henrique Monteagudo e Serafín Alonso Pintos, na derradeira xornada do Simposio Ricardo Carballo/ Carvalho Calero. Foto: RAG

O concerto, que se ía celebrar en Ferrol, por ser a localidade de nacemento de Ricardo Carballo Calero, tivo que ser adaptado por mor da crise sanitaria actual. O Consello da Cultura Galega decidiu manter esta cita e difundila na rede. Será hoxe, día en que a figura homenaxeada neste ano cumpriría 110 anos, ás 19.30 horas e retransmitirase en directo desde o web do CCG.

A proposta desta edición da cita musical correrá a cargo do Taller Atlántico Contemporáneo. A presidenta da institución, Rosario Álvarez, destaca que malia o cambio “seguirá fiel á súa esencia e ofrecerá un diálogo entre a música e a literatura galega, cun claro aceno á cultura da localidade escollida para a súa celebración, aínda que non se puidese celebrar como estaba previsto”. Cada edición do concerto ofrece a estrea absoluta dunha peza e nesta ocasión Nani García ponlle música ao poema Danza de Carballo Calero.

Tamén a RAG, diante do empeoramento da situación sanitaria en Ferrol, acordou celebrar o pleno extraordinario do Día das Letras Galegas, que xa se pospuxo, na súa propia sede na cidade da Coruña.

En Ferrol sentou mal a decisión da RAG de trasladar ata A Coruña a homenaxe a Ricardo Carvalho Calero. E desde a casa natal do escritor, os edís do BNG reclamaban onte que se pospoña a 2021 o Día das Letras Galegas adicado a este ferrolán. O portavoz municipal dos nacionalistas reclamoulle ademáis ao alcalde Ángel Mato que non asista aos actos organizados na Coruña ou Santiago: “É inaceptable, estamos ante un menosprezo a Carvalho Calero, á súa obra e a Ferrol”.

Segundo Iván Rivas, “non podemos permitir que se peche en falso o ano de Carvalho Calero, nunca un autor nas Letras Galegas foi homenaxeado fóra do seu lugar de nacemento”.