O talento galego, protagonista da cita de artistas novos no Gaiás

Un total de corenta mozos serán seleccionados para presentar o seu proxecto coa Ruta Xacobea como eixo nunha estancia de catro días na Cidade da Cultura
Luis Montero
Unha visitante observa algunhas das pezas expostas nunha edición anterior do Encontro de Artistas Novos. Foto: CdC

A nova edición do Encontro de Artistas Novos arrinca coa convocatoria dunha cita que en 2020 cumpre dez anos ao redor da arte emerxente e a creación contemporánea. O EAN10 ofrece a corenta novos creadores a oportunidade de participar nunha estancia de catro días na Cidade da Cultura durante a que presentar o seu proxecto creativo, ademais de optar a realizar unha intervención artística nas Torres Hejduk do complexo, co Camiño de Santiago como eixo da súa obra.

Enmarcado no Plan de reactivación do sectores cultural e turístico fronte aos efectos do coronavirus, a participación neste programa da Xunta estará circunscrita a artistas nados e/ou residentes en Galicia.

Ademais, o programa sufrirá pequenas variacións, especialmente de tipo loxístico, para adaptarse ás limitacións de capacidade, distancias mínimas e outro tipo de recomendacións marcadas polas autoridades sanitarias e garantir que o encontro se celebre nas mellores condicións de seguridade para todos e todas as participantes.

O EAN chega baixo a dirección, novamente, de Rafael Doctor, e cun formato xa consolidado no que teñen presentado os seus traballos ao redor de seiscentos creadores e creadoras ao longo das nove edicións previas.

Os artistas emerxentes que acaden unha praza terán a oportunidade de entrar en contacto con outras traxectorias e procesos creativos a través dunha serie de conferencias impartidas por artistas de renome como o cineasta Oliver Laxe (París, 1982), premiado en festivais como Cannes ou os Goya co seu último filme, O que arde.

O artista, comisario e conservador xefe da Fundación Granell, Eduardo Valiña; a comisaria de directora artística de JustMAD e JustLX, Semíramis González, e o xornalista e comisario Javier Díaz-Guardiola participarán como observadores, compartindo cos participantes a súa experiencia no apoio a novos talentos desde o mundo curatorial ou xornalístico.

O EAN inclúe ademais visitas a centros de arte contemporánea como o CGAC ou a Fundación Granell.

O programa complétase coa opción de realizar unha intervención artística efémera nas Torres Hejduk do complexo, unha iniciativa coa que a Cidade da Cultura amosa a súa aposta polo talento emerxente.

Terá como eixe a Ruta Xacobea, profundando na relación entre a Cidade da Cultura e o Camiño aproveitando que a Vía da Prata discorre no seu último tramo paralela ao Gaiás e a conexión visual entre as Torres Hejduk e as da catedral .

Os interesados en seren seleccionados deberán enviar a súa solicitude antes das 15.00 horas do 3 de xullo coa documentación requirida a encontro@cidadedacultura.org. As bases están en www.cidadedacultura.gal.