Olga Novo suma para ‘Feliz idade’ o Premio da Crítica e o do Libro galego

Bieito Alonso, ‘GCiencia’, Margarita Viso, Alfonso Costa, Os Monicreques de Kukas, Óliver Laxe e Festa do Marisco do Grove tamén foron galardonados
María AyalaSantiago
DISTINCIÓNS. Imaxe da cerimonia de entrega dos Premios da Crítica. Foto: Cedida

Baixo o lema A Nosa Fala. Na súa acea a moerse está o pan do porvir de Ricardo Carvalho Calero, a pesar da imposibilidade de celebrar o acto coas súas características habituais, a asociación Premios da Crítica de Galicia mantivo a tradición de anunciar en outono uns premios, que vén outorgando dende 1978, coa intención de recoñecer a excelencia e a relevancia dos labores individuais e colectivos máis destacados nos diversos ámbitos da creación cultural e da investigación en Galicia durante o ano 2019.

A poeta Olga Novo fíxose onte co Premio da Crítica de Galicia de Creación Literaria e co Premio do Libro Galego de Poesía pola súa obra Feliz Idade (Kalandraka).

Deste xeito, a obra da poeta lucense (@A Pobra de Brollón, 1975) segue cultivando éxitos para esta obra tras recibir en semanas anteriores outros recoñecementos, entre eles, o Premio Nacional de Poesía 2020 outorgado polo Ministerio de Cultura e Deporte.

O nome de Novo, polo seu dobrete, é o máis destacado entre os gañadores da XLIII edición dos Premios da Crítica de Galicia e da Vª edición do Premio do Libro Galego, cuxos fallos se fixeron públicos onte.

Ademais de en Creación Literaria, os Premios da Crítica recoñecen o labor de distintos autores, creadores ou iniciativas en Investigación, que recaeu na obra Anarquistas Galegos en América de Bieito Alonso (Ed. Galaxia); Iniciativas Culturais e Científicas, que foi para GCiencia, o portal da ciencia en galego dirixido por Eduardo Rolland e Pablo López e Música, que foi concedido a Margarita Viso.

Así mesmo foron premiados Oliver Laxe, por O que arde, en Cinema e Artes Visuais; Alfonso Costa en Artes Plásticas; Vos Monicreques de Kukas en Artes Escénicas; e a Festa do Marisco do Grove en Cultura Gastronómica.

O xurado valorou a dificultade para ditaminar este premio, dada a calidade de todas as candidaturas presentadas nesta convocatoria, principalmente a dos finalistas, o que demostra a gran actividade e as iniciativas que existen en Galicia no mundo da cultura gastronómica.

Por outra banda, a gala do libro galego, que chega á súa quinta edición, está́ organizada pola Asociación Galega de Editoras (AGE), a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) e a Federación de Librarías de Galicia (FLG).

Ademais de Olga en Poesía, tamén resultaron premiados Suso de Toro, en Ensayo e investigación, pola súa obra Dentro da literatura (Edicións Xerais). Un ensaio literario coa vocación de dar coñecer os procesos da literatura, escrito desde a lectura e sen renunciar ao exercicio da divulgación do oficio da literatura e das maneiras de ler.

A que cheiran as cores? A esperada guía para coñecer o cerebro (Ed. Galaxia), de Juan Casto Rivadulla Fernández, en Divulgación y Seique (2a ed. ampliada), de Susana Sanches Aríns (Através Editora), en Narrativa.

En Infantil o premio é para A tartaruga Amodovou, de Paula Carballeira (Oqueleo); en Xuvenil para Os corpos invisibles, de Emma Pedreira (Edicións Xerais); en libro ilustrado o galardón é para Irmá paxaro, de Tamara Andrés, ilustracións de María Montes (Cuarto de Inverno) e en banda deseñada a obra recoñecida é A chaira, de Antonio Seijas (Alita Comics Editorial).

A Gala do Libro Galego premia tamén a Iniciativa bibliográfica, cun recoñecemento para Castelao. Construtor da nación. Tomo I. 1886-1930, de Miguel Anxo Seixas Seoane (Editorial Galaxia/Consorcio de Santiago); así como o labor de Tradución, cuxo premio é para Frankenstein ou ou Prometeo moderno, de Mary Shelley/ Tradució n de Samuel Solleiro (Aira Editorial).

En Teatro, a obra seleccionada é Citizen, do Grupo Ché vere (Kalandraka Editora) e o premio ao libro mellor editado foi para Fosforescencias, de Lupe Gómez/ Ilustracións de Anxo Pastor (Alvarellos Editora).

Como recoñecemento ás traxectorias premiouse á Librería Chan da Pólvora pola súa Iniciativa cultural ou fomento da lectura; a Kalandraka TV concedéuselle o premio ao proxecto literario na rede e a María Yáñez concedéuselle a distinción en Xornalismo Cultural.

Tamén se deron a coñecer o Premio Honorífico á EdiciÓN 2020, que foi para Basilio Losada e o Premio Honorífico Librería, que recaeu en Brañ as Verdes, de Carballo.

Dentro desta gala, a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) acordou conceder a súa distinción de Escritora Galega Universal a Mariasun Landa (Rentería, Euskadi, 1949).