Os 60 anos de ‘Memorias dun neno labrego’, de Neira Vilas

Román Rodríguez salienta a capacidade desta obra mestra de seguir transmitindo // Foi colaborador de EL CORREO
Libros
Rosa Cano
LETRAS. Exemplares de ‘Memorias dun neno labrego’, libro do mestre Neira Vilas. Foto: X.

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, participou onte no acto de conmemoración do 60º aniversario da publicación de Memorias dun neno labrego, obra mestra de Xosé Neira Vilas da que salientou a súa capacidade de seguir transmitindo, 60 anos despois, “o orgullo pola lingua e a querenza pola literatura desde a infancia, así como por ter espertado a paixón pola lectura a numerosas xeracións de galegos e galegas” converténdose, dixo, “na obra máis lida e traducida da literatura galega, best seller e símbolo universal”.

Durante o acto (que tamén contou co presidente da Fundación Neira Vilas, Fernando Redondo; do presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, e do presidente da Editorial Galaxia, Antón Vidal) o conselleiro de Cultura salientou a vixencia desta obra que segue presente nas escolas e centros de ensino e entre os centos de lectores que aínda hoxe segue colleitando en todo o mundo.

Neste sentido, referiuse ás súas 35 edicións e aos máis de 700.000 exemplares, así como as traducións a idiomas como o alemán, o sueco, o romanés, ucraíno, búlgaro, o esperanto, o checo, o maia ou o ruso e á súa edición en Braille, o que o converten no libro escrito en galego máis traducido e editado.

Rodríguez puxo en valor o “legado” do autor, como creador dun personaxe “tan identificado con Galicia” e “co que Galicia identifícase”, e que materializou unha obra que definiu como “o best seller da literatura galega.

Herdanza artística. A conmemoración desta efeméride completouse coa presentación do documental Un legado de futuro, un novo contido audiovisual que achega datos relevantes sobre Neira Vilas o seu tempo e a marabillosa súa obra.

Seis décadas despois da súa publicación e un lustro desde o pasamento de Neira Vilas, Memorias dun neno labrego (que saíu do prelo da editorial Follas Novas de Bos Aires en xaneiro de 1961) segue revalidando o seu posto entre as dez obras máis vendidas en 2020 pola Editorial Galaxia.

Para alén disto, numerosas adaptacións e iniciativas sociais, editoriais, teatrais, audiovisuais, musicais e pictóricas configuran e completan o universo Balbino, a herdanza artística do autor de Vila de Cruces máis universal, que foi colaborador de EL CORREO, entre outras andainas.