Os dinosauros sempre na memoria

Libro
Blanca Roig Rechou

Rosa Aneiros (Valdoviño, 1976) acaba de agasallarnos con Catro plumas de dinosauro, da man de Edicións Xerais de Galicia, quen acolleu a obra na súa colección Merlín, serie azul (+9).

A historia que se conta enlaza coa paixón da nenez polos dinosauros, compartida con Xoel, o protagonista da narración, que de camiño ás Fragas do Eume, con vinte e un compañeiros do seu colexio, non deixa de pensar nos segredos que encobre a Fraga, como lle contou a sabia Monegunda. Pero no canto de atopar dinosauros fósiles, como pensaba, tivo que loitar cos seus amigos con animais vivos e defenderse con todas as súas armas. Aneiros narra a historia en vinte e seis capítulos cunha linguaxe rica e moi achegada ao lectorado esperado. Acompañan a narración as ilustracións de Xulia Pisón (A Coruña, 1985) que iluminan parte das aventuras. Remata o relato cun glosario e unha breve historia dos dinosauros en Galicia.

blanca.roig@usc.es