Os ‘fondos de resiliencia’ da UE, clave para reactivar o termalismo

Manuel Baltar destaca estas axudas na reunión telemática da dirección da EHTTA
Termalismo
Redacción ECG
Manuel Baltar, na videoconferencia con Simone Zagrodnik e Paul Simons. Foto: DdeOu

Ourense. O presidente da Deputación de Ourense e presidente da Asociación de Cidades Históricas Termais de Europa (EHTTA), Manuel Baltar, afirmou que unha das claves que contribuirá á reactivación económica do termalismo en Europa serán os denominados “fondos de resiliencia”, pensados para apoiar a recuperación económica trala pandemia do COVID-19.

“É necesario impulsar proxectos europeos que dean visibilidade ás novas estratexias termais, as cales deben priorizar o termalismo como fonte de saúde e marca de calidade nun mercado turístico onde primarán a excelencia e a seguridade tanto como a oferta lúdica”, afirmou.

A iso uniu a importancia de incluír, “como factor fundamental” neste novo modelo de turismo, a sustentabilidade das economías locais e provinciais, “no marco dunha riqueza termal que debe poñer en valor a súa experiencia de séculos e o seu constante esforzo por manter o equilibrio entre innovación e historia”, sinalou Baltar, quen preside desde hai case ano e medio a asociación termal máis importante do mundo, a EHTTA que inclúe a 51 territorios termais de 18 nacións.

O presidente da Deputación de Ourense realizou estas declaracións ao remate da reunión por videoconferencia mantida polo board, o equipo directivo da EHTTA, xuntanza na que participaron Simone Zagrodnik, directora executiva; Paul Simons, presidente do comité científico, e o belga Eric Brut, vicepresidente da asociación, comité que tamén está integrado polo italiano Lorenzo Lucchini e o portugués Hugo Oliveira como vicepresidentes.

Na reunión pasouse revista ás actividades que os diferentes membros asociados da EHTTA están a desenvolver neste momento, “na procura dun termalismo rendible e adaptado á inminente etapa poscovid”, afirmou Baltar.

Tamén se puxo de relevo a axenda de traballo dos próximos meses, na que figura a celebración do Día Mundial da Auga, o vindeiro 22 de marzo, ou a próxima asemblea da asociación, que terá lugar en San Pedro do Sult (Portugal) do 12 ao 14 de maio. ECG