Os Premios da Crítica de Galicia da edición XLV xa teñen nome propio

Os protagonistas deste ano que quedarán para a historia son Manuel Rivas, Xavier Madriñán, A Cova de Eirós, Ugia Pedreira, Mónica Alonso, Chévere, Atalante e María Varela
Juan Real
Cheo. A sede de Afundación en Vigo acadou o cheo para a entrega dos Premios da Crítica de Galicia XLV. Foto: FPCG

Na xornada de onte, ás 12.00 horas, no decurso dun acto na sede de Afundación de Vigo, deuse a coñecer o ditame da XLV edición dos Premios da Crítica de Galicia nas súas modalidades de Creación Literaria, Investigación, Música, Iniciativas Culturais e Científicas, Artes Plásticas, Artes Escénicas, Cine e Artes Audiovisuais e Cultura Gastronómica.

Baixo o lema Galicia é infinda do poeta Florencio Delgado Gurriarán, xuntáronse trescentas persoas representativas dos diversos ámbitos da política, da sociedade e da actividade cultural do país, entre as que se atopaban Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra; Elena Espinosa, en representación da alcaldía de Vigo; Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística; Valentín González Formoso, presidente da Deputación da Coruña, así como once alcaldías de diversos concellos do país.

No transcurso do acto, que foi conducido pola escritora Ledicia Costas, Bieito Ledo, presidente e fundador dos Premios da Crítica de Galicia, fixo un percorrido pola memoria desta iniciativa pioneira organizada en Vigo dende hai corenta e cinco anos.

Dende comezos do mes de outubro, as 56 persoas compoñentes dos oito xurados, que se unen ao máis de mil catrocentas participantes ao longo de toda a súa historia, traballaron e ditaminaron de forma virtual sobre as propostas presentadas libremente por editoras, produtoras e outras entidades culturais.

Premio de Creación Literaria. O xurado da XLV edición dos Premios da Crítica de Galicia da modalidade de Creación Literaria, formado por María Luisa Abad, pedagoga; Xesús Fraga, escritor e xornalista, gañador da edición anterior; Esther Gómez Suárez, libreira da libraría Moito Conto; Manuel González González, membro da RAG, catedrático da USC; Bieito Iglesias, escritor; Pilar Ponte, profesora e crítica e Xosé Manuel Soutullo, director da Fundación Penzol, secretaría, en representación dos Premios da Crítica de Galicia, acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas a As malas mulleres (Galaxia 2021) de Marilar Aleixandre; O cervo e a sombra (Xerais 2021) de Diego Ameixeiras; Palmeiras, piueiros (Chan da Pólvora 2021) de Anxo Angueira e O que fica fóra (Apiario 2021) de Manuel Rivas.

Tras as derradeiras deliberacións, acordou outorgar por maioría o premio a O que fica fóra de Manuel Rivas (Apiario). O xurado salientou que O que fica fóra é unha obra que lle dá a volta á lingua e á realidade para se preguntar e preguntarnos, despois de roubarnos a liña do horizonte, que ficará fóra cando desaparezan as palabras. Un libro alfaia con elementos gráficos que enriquecen tanto a súa estética como a mensaxe que intenta transmitir.