Pide o Goberno galego baixar o IVE turístico ao 4 % polo covid

Rueda aboga ante os membros da España Verde por adoptar esta medida para tentar paliar os efectos da crise no sector
Turismo
Mario Álvarez
O vicepresidente Alfonso Rueda, na reunión cos membros da España Verde. Foto: Xoán Crespo

Consciente da grave situación que está a vivir o sector turístico como consecuencia das numerosas restriccións derivadas da pandemia do coronavirus, o vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo, Alfonso Rueda, trasladou onte ao Goberno central a solicitude de redución do IVE turístico ao catro por cento para axudar ao sector neste tempo tan complicado.

Alfonso Rueda, acompañado pola directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou por videoconferencia na reunión entre os responsables da marca turística España Verde, no que están integrados os gobernos autonómicos de Asturias, Cantabria e País Vasco, que xunto con Galicia, integran a marca España Verde, e onde está tamén Turespaña.

A premisa da reunión foi a de seguir traballando en proxectos conxuntos, aproveitando o modelo turístico común entre estas rexións, coa principal meta de conseguir reactivar o turismo do norte da península.

Neste sentido, o vicepresidente primeiro do Executivo galego lembrou que dende a Xunta solicitouse en varias ocasións, unha delas no marco da Conferencia sectorial de Turismo celebrada o mes pasado, unha redución do IVE ao catro por cento neste sector de forma temporal, como medida imprescindible para manter e, mesmo estimular, a actividade turística en todo o territorio do país.

Na reactivación do sector turístico se precisa a implicación do Goberno central porque moitas medidas son da súa competencia exclusiva.

Por iso, “lamentamos que en España o IVE aplicado ao turismo non teña unha redución como Alemaña ao 5 %, Portugal ao 6 e Francia ao 7 por cento”, considerou Rueda segundo segundo se recolle nun comunicado da Consellería de Presidencia.

No marco da reunión, o vicdepresidente da Xunta insistiu en que “a premisa é seguir avanzando en varias propostas para continuar coa promoción das comunidades que integran a marca como destinos turísticos, destinos de calidade”, e para impulsar a sostibilidade; propostas moi demandadas na situación actual na que os visitantes buscan destinos seguros e pouco masificados.

E tamén fixo referencia á inminente celebración do próximo Ano Santo, “que ten moito que ver co contacto coa natureza, que é o que agora moita xente busca” no ámbito turístico neste tempos profundamente marcados pola crise do coronavirus.

Cabe lembrar ademais que o turismo galego resistiu mellor durante estes meses que o conxunto de España, cun diferencial positivo nas cifras acadadas no sector, o que amosa que a aposta por Galicia como destino seguro -dentro dunha iniciativa posta en marcha polo Goberno autonómico e que tiña como obxectivo potenciar todos os valores que distinguen á nosa comunidade doutros territorios-, repercutiu positivamente no que se refire á chegada de viaxeiros á nosa comunidade desde que se abriron as fronteiras entre países e finalizou o estado de alarma decretado en España durante a primavera pasada.