Plan para destacar o liderado de Ourense como destino termal

Se desenvolverá nun período de tres anos cun orzamento de 3 millóns // Xunta de Galicia e Deputación, traballan xuntos
ROSA CANOSantiago
CALIDADE. Mostra dunha instalación de termalismo, atractivo turístico emerxente. Foto: G.

O conselleiro de Cultura e Turismo en funcións, Román Rodríguez, e o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, apostan por desenvolver un Plan de Sustentabilidade que destaque o liderado da provincia como destino termal de referencia.

Así o avanzaron tras manter un encontro onte para abordar os detalles desta iniciativa, formulada na última Conferencia Sectorial de Turismo, na que colaborarán a Xunta, o Goberno central e as entidades locais co obxectivo de reactivar o sector turístico da man de actuacións respectuosas desde o punto de vista socioeconómico, medioambiental e territorial.

A Xunta comprometeuse a coordinar esta acción e remitirlle ao Ministerio as propostas formuladas polos destinos que opten a esta iniciativa, que se desenvolverá nun período de tres anos e contará cun orzamento de 3 millóns que achegarán o Estado, as comunidades autónomas e as entidades locais beneficiarias.

As entidades locais serán as encargadas de elaborar a proposta de actuación que posteriormente valorará a Secretaría de Estado de Turismo. Precisamente, o responsable de Cultura e Turismo repasou co presidente do ente provincial os requisitos que deberá reunir o futuro Plan de Sustentabilidade e os criterios que se valorarán para a súa elección.

Ambos coincidiron nas posibilidades que ofrece este plan para impulsar o desenvolvemento turístico da provincia e a recuperación a reactivación do tecido empresarial. E subliñaron que Ourense representa un modelo turístico que encadra coa filosofía desta acción, ao potenciar valores como a natureza, a paisaxe, a enogastronomía, ou o patrimonio, moi valorados no contexto da actual crise sanitaria. Do mesmo xeito, destacaron a importancia do termalismo, un aspecto no que este territorio está considerado un referente nacional e mesmo internacional.